Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Brigada de Medio Ambiente vén de...

RETIRÁNROSE CATRO VERTEDOIROS INCONTROLADOS

A Brigada de Medio Ambiente vén de recoller un total de 79 residuos voluminosos a través de avisos do mes de setembro

Venres 7 de outubro do 2011

Así mesmo, e durante o mes de setembro, a Brigada de Medio Ambiente ten eliminado catro vertedoiros incontrolados atopados en diversos puntos do territorio municipal: un en Monte da Xesta, outro na estrada do Largo en Sísamo, un no Monte da Vixia e outro en Estévez. Os vertedoiros incontrolados son residuos abandonados en plena natureza e que deberían ter sido depositados ou no Punto Limpo; ou nos dous Minipuntolimpos para a recollida selectiva situados na Praza do Concello e na Rúa Fomento da capital municipal; ou ben nos colectores axeitados. Hai que lembrar que no Punto Limpo de Carballo poden depositarse os residuos perigosos do fogar, como o aceite de cociña usado, os electrodomésticos, voluminosos ou calquera outro tipo de lixo, agás a materia orgánica. Ademais, existen colectores específicos para mobles vellos, electrodomésticos, enseres domésticos, roupa, pneumáticos, radiografías ou cascallos procedentes de pequenas obras.

En resumo, as instalacións funcionan como lugar de recollida de todos aqueles obxectos ou materiais non orgánicos que a cidadanía non sabe onde depositar. A maioría dos residuos depositados no Punto Limpo non son considerados lixo, ao poder ser reutilizados para novas funcións. Os materiais non aptos para a reciclaxe son enviados a plantas de tratamento especializadas. Por outra banda, o centro urbano de Carballo dispón dun servizo de recollida selectiva de lixo. Os habitantes do municipio poden contribuír deste xeito á defensa do medio, separando o lixo no seu domicilio. Existen colectores específicos para cada tipo de refugallos. Así, os restos orgánicos deben depositarse no colector verde, os bricks e as latas no colector amarelo e o papel e o cartón no azul. O vidro deposítase nos iglús verdes. Por último, as baterías e os medicamentos son recollidas en diversos establecementos colaboradores e nas farmacias da Vila, respectivamente.

Compartir: