Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT abre a súa programación de...

VENRES 14 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT abre a súa programación de sala no Pazo da Cultura coa produción madrileña "Torvaldo Furioso"

Xoves 13 de outubro do 2011

Neste drama inverosímil, cun conflicto dramático forte, asoma tamén a comedia aceda e intelixente e prodúcese unha feroz batalla conxugal que defenden dous estupendos actores dirixidos polo galego Lino Ferreira e coa iluminación de Pedro Yagüe. Un suxestivo argumento dramático no que subxacen temas de actualidade como a violencia de xénero. El Óbolo Producciones nace da inquedanza de profesionais do teatro, que forman parte do elenco do Teatro de la Abadía de Madrid, coa necesidade de elaborar proxectos propios, baseados nun teatro directo concibido como encontro e confrontación co espectador, facéndoo partícipe dos sentimentos que transmiten en cada unha das súas producións. O director formouse tamén na Abadía con mestres com Eugenio Barba, José Luis Gómez, Agustín García Calvo ou Hernán Gené. Continuou a súa formación como actor na escola da Compañía Nacional de Teatro Clásico xunto con Juan Pedro de Aguilar, Elvira Sanz e Ramón Regidor. Ten formado parte do elenco de clásicos como "El rey Lear", "La vida es sueño" ou "El burlador de Sevilla". En cine ten traballado co coñecido director José Luis Borau, e en televisión en series tan coñecidas como "Farmacia de guardia".

Entradas esgotadas para catro funcións


A ampla demanda dos veciños e veciñas carballeses e da comarca de Bergantiños, fixo que xa a semana pasada se esgotaran os bonos postos á venda e esta semana en dous días, se esgotaran as entradas para as funcións das seguintes compañías: Eme2 ("O Florido Pénsil"), Yllana ("Muu!! 2"), Producións Teatrais Excéntricas ("Oeste solitario") e para a obra de Nuria Espert ("La violación de Lucrecia"). O interese suscitado polo festival así como a alta participación do público no evento, sumado á capacidade limitada do auditorio de Pazo da Cultura fixo que fose imposible satisfacer a demanda de localidades por parte dos interesados en asistir ao festival. O público que desexe asistir aínda pode comprar entradas para as seguintes representacións: El Óbolo Producciones ("Torvaldo furioso" - día 14), Teatro Marionetas do Porto ("Wonderland" - día 21), ENFILA'T ("Plecs"- día 29), Ron Lalá ("Time al tiempo" - día 39), Lusco e fusco ("Encontros" - día 20), Compañía Desastronauts ("Losing grip" - día 23) e Macarena Recuerda Sheperd ("That’s the story of my life" - día 28).

A organización do FIOT quere agradecer a todos e todas o interese e apoio á programación do festival e lamenta as incomodidades causadas pola voluminosa demanda de entradas desta edición. Por outra banda, a organización comprométese a estudar todas as propostas de cambio para mellorar a distribución de entradas.

Compartir: