Inicio Carballo ao día Hemeroteca A licitación dos traballos de...

O PROXECTO ESTÁ EN FASE DE REVISIÓN

A licitación dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños está prevista para primeiros de 2012

Xoves 13 de outubro do 2011

O proxecto de ampliación do CEIP Bergantiños inclúe a construción dun soportal cuberto e a creación de zonas comúns, como salas de profesores, aínda que a xestión administrativa realizaríase dende as instalacións xa existentes. Suporá a creación de nove unidades de Educación Infantil, con servizos integrados e totalmente equipadas, dun máximo de 25 nenos e nenas cada unha, polo tanto, crearíanse 225 novas prazas. As unidades estarían distribuídas en 3 para cativos e cativas de 3 anos; 3 para escolares de 4 anos; e 3 para nenos e nenas de 5 anos. O orzamento previsto para a realización dos traballos é de aproximadamente 1,5 millóns de euros e o obxectivo sería poder ter as obras rematadas para o curso 2012-2013. O CEIP Bergantiños de Carballo conta con preto de 600 alumnos e alumnas matriculados no presente curso e ofrece servizos como o programa Concilia, que permite a asistencia dende as 7.30 horas con posibilidade de almorzo no colexio; un servizo de comedor con catering ao mediodía; ou o programa PROA no que se imparten clases de 17.30 a 19.30 horas para mellora do alumnado con baixo rendemento académico. O Concello de Carballo colabora a través dos programas: Deporte en Idade Escolar do Padroado Deportivo Municipal; o programa Cultural ofertado pola Concellaría de Educación e Cultura; e o programa de axuda ás familias da Concellaría de Benestar.

Compartir: