Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado un convenio de colaboración coa...

A ACHEGA MÁXIMA PREVISTA NO ACORDO É DE 45.000 EUROS

Asinado un convenio de colaboración coa Deputación para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo

Martes 18 de outubro do 2011

A achega do organismo provincial irá destinada a financiar os gastos de nóminas de persoal e de material funxible. Esta subvención da Deputación é compatible coa percepción doutras axudas públicas ou privadas para a mesma finalidade sempre que o seu importe non supere o importe total do gasto xustificado polo Concello. Así mesmo, a administración local é a encargada de outorgar os contratos de subministro, servizos e asistencia da actividade, respectando sempre a lexislación de contratos do sector público. O convenio de colaboración subscrito ten efectos retroactivos dende o 1 de xullo de 2011 e conservará a súa vixencia ata o día 30 de setembro de 2012. Se o Concello de Carballo así o solicitase, o convenio poderá ser prorrogado por acordo expreso de ambas partes antes de que expire a súa vixencia inicial. Tamén por acordo expreso de ambas partes o acordo poderá ser obxecto de modificación. Este convenio enmárcase nas accións para o mantemento da seguridade civil nos municipios que pretenden ter unha infraestrutura altamente operativa que permita dar resposta inmediata ante situacións de emerxencia que impliquen riscos para as persoas ous os bens materiais dos concellos. Os Grumir levan actuando dende agosto de 1997 coa colaboración da Xunta de Galicia e a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias).

Ademais de co Concello de Carballo, o presidente da Deputación asinou tamén durante a mañá os convenios de colaboración cos representantes doutros 15 concellos da provincia (Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Brión, Cee, Miño, Noia, Ordes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo) que son base dun Grupo Municipal de Intervención Rápida. En total, a Deputación provincial achega un total de 720.000 euros (45.000 por concello) para sufragar parte dos gastos destas agrupacións que, en total, dan traballo a 224 persoas.

Compartir: