Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Xograr de Outono desta 20 edición do...

ENTREGA DO GALARDÓN: SÁBADO 22 ÁS 21.00 HORAS

O Xograr de Outono desta 20 edición do FIOT recae na figura do polifacético artista Marcelino de Santiago, Kukas

Mércores 19 de outubro do 2011

Como director de escena ten levado a cabo, entre outras montaxes, obras como "O Mariscal", producida polo Centro Dramático Galego, "O retablo de Maese Pedro", "O Carnaval dos animais" e a "Cantata de San Nicolás" coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Antoni Ros Marba e Maximino Zumalave. Tamén dirixiu obras producidas pola súa propia compañía, Os Monicreques de Kukas, a máis antiga de Galicia, en obras como "Balconadas", "Don Gaiferos" ou "Galiza Máxica". Ten traballado. ademais. en todos os espectáculos de Monicreques de Kukas e no Centro Dramático Galego como escenógrafo, atrezzista e figurinista. Outra faceta importante da súa actividade é a creación de monicreques, máscaras e cabezudos como as realizadas para "O voo dun millón de paxaros" e "O Satiricón". No eido da pintura ten realizado dende 1967 máis de 60 exposicións individuais e colectivas e no eido da fotografia, 50 exposicións individuais e colectivas dende 1975, e mesmo ten colaborado coa familia de Valle-Inclán na recuperación do arquivo fotográfico de Don Ramón María. Tamén destaca pola súa actividade docente en entidades como a Universidade de Santiago de Compostela, o Centro de Artesanía e Deseño de Galicia, a Escola Universitaria de Maxisterio de Lugo ou o FM de Cultura de Xixón.

Ciclo OTNI: 20, 23 e 28 de outubro

Por outra banda, hai que lembrar que o xoves 20 de outubro principia o Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), o espazo do festival que aposta pola vangarda e a innovación e que este ano presenta a súa segunda edición. Neste programa teñen cabida proxectos de carácter contemporáneo e cunha dimensión máis experimental, arriscada ou alternativa, empregando novas dramaturxias e códigos e linguaxes teatrais menos convencionais. Este ano, grande parte do OTNI céntrase nun movemento emerxente, vinculado á rúa e á improvisación, que está reclamando o seu lugar nos escenarios: o Novo Circo. O circo contemporáneo supón unha renovación de técnicas circenses mesturadas con disciplinas como a danza ou o audiovisual. Precisamente dúas compañías galegas (Lusco e Fusco e Desastronauts) amosarán o alto nivel do novo circo galego. Completa o OTNI unha sorprendente proposta concibida a modo de performance e animación audiovisual (stop motion) que sorprende polo seu carácter artesanal e orixinalidade: "That's the story of my life".


Os interesados e interesadas en consultar o programa do OTNI ao completo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: