Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os touros de Yllana e os colexios de posguerra de...

PRINCIPIA O CICLO "CAFE CON..." O SÁBADO 15 ÁS 19.30 HORAS

Os touros de Yllana e os colexios de posguerra de EME2 pechan co cartel de "non hai billetes" a primeira fin de semana do FIOT

Venres 14 de outubro do 2011

"O Florido Pénsil" é unha das estreas máis esperadas do teatro galego este ano. Trátase dunha adaptación da obra de Andrés Sopeña, que foi realizada pola compañía Tanttaka e que está dirixida polos directores vinculados a esta compañía vasca Fernando Bernúes e Mireia Gabilondo. A representación de EME2 conta no seu reparto con actores galegos recoñecidos e dunha importante traxectoria tanto no mundo do teatro, cine e televisión como son Xosé Manuel Olveira "Pico", Antonio Durán "Morris", Alfonso Agra, Josito Porto e Federico Pérez. A obra foi estreada no ano 1996 e realizou nestes anos máis de 3000 funcións nas tres versións que se fixeron: español, catalán e euskera. Agora chega a versión en galego, onde o público poderá revivir, coñecer ou lembrar a historia da escola nacional católica franquista, a través dun grupo de rapaces sometidos ao sistema educativo da España da posguerra.

No caso de Yllana, "¡Muu! 2" afronta as vivencias de catro toureiros: o pequeno gracioso, o tímido, o alto e resultón e o normaliño que rompe tópicos, nunha peculiar faena taurina. "¡Muu!" é unha sátira do mundo da tauromaquia, da valentía, da patria, do maltrato animal, do honor, do machismo e de todos os valores considerados sagrados e irrompibles dun rito que, en pleno século XXI, segue aínda actualizado. A conciencia de comedia por enriba de todo, o humor irreverente, o son tratado como un personaxe máis, a posta en escena creada de forma gamberra e con moito ritmo. Con esta proposta a compañía cumpre 20 anos sen dicir nin mu. En 1991 comezou a sú andaina con esta montaxe que recupera para celebrar o seu aniversario co FIOT. Yllana forma xa parte da historia do humor xestual do noso país e parte destacada tamén da historia do festival, xa que é a que máis veces ten formado parte do programa, presentando en Carballo todas as súas obras para adultos, excepto, precisamente, a que se representa o domingo 16.

Arrinca o ciclo "Café con..."


Unha das pretensións da organización do FIOT é a de crear novos espazos de comunicación entre o teatro (actores, directores, etc.) e o público para achegar aos espectadores aos procesos de creación dos espectáculos, ás linguaxes ou aos códigos narrativos e formais. Trátase de crear unha relación máis directa cos artistas e creadores das obras representadas no festival. Así foi como naceu a actividade paralela do festival "Café con...", que se vén desenvolvendo dende hai varios anos, e na que o público, dunha forma próxima e coloquial, pode charlar e comentar con actores e directores os espectáculos que se ofrecen no evento.

O ciclo comeza o sábado 15 a partires das 19.30 horas no Pazo da Cultura, onde os asistentes poderán conversar con varios actores da compañía Eme2. A entrada é gratuita e o aforo estará limitado ao espazo da súa realización.

Compartir: