Inicio Carballo ao día Hemeroteca Desastronauts presenta "Losing grip",...

ESTREA EN ESPAÑA: DOMINGO 23 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Desastronauts presenta "Losing grip", un espectáculo que reflicte a arriscada relación de dúas persoas enriba dun trapecio

Xoves 20 de outubro do 2011

O espectáculo "Losing grip" gañou en 2010 o prestixioso premio "Jeuns Talents Cirque Europe" (JTCE 2010), o que lle ten proporcionado aos compoñentes de Desastronauts espazos para ensaiar e desenvolver aínda máis o seu traballo, tanto coa colaboración co Centro Dramático Galego a través da Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) como no Auditorio Municipal de Valga (Pontevedra). Tamén contan con residencias artísticas en Marsella, Estrasburgo, Toulouse ou París. Os dous son licenciados da escola Circo Space de Londres e decidiron afincarse en Galicia non só por ser "un lugar tranquilo para explorar a creatividade", segundo Girisho Gordon, senón tamén pola presenza dunha comunidade circense cada vez máis consolidada, especialmente en Santiago de Compostela. O espectáculo ten un espírito internacional, xa que, ademais de ter sido presentado en moitos lugares de Europa conta con música realizada por un finlandés, ou un vestiario realizado por dúas inglesas. O domingo preséntase por primeira vez en España, sendo a estrea en todo o país. Trátase dun espectáculo intensamente físico e apaixoado, onde a tensión e o suspense son reais, nun maratón aéreo de 45 minutos de duración que viaxa máis aló das palabras e dos límites.

Máis OTNI os días 20 e 28
Na rolda de prensa para presentar o espectáculo, ademais dos integrantes de Desastronauts estiveron presentes a técnica de Cultura Carmen Castro; Antón Guitoi, en representación da Asociación Telón e Aparte; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que subliñou a presenza de novas propostas escénicas en Galicia, como o circo ou a maxia, e tamén a importancia de actividades alternativas no FIOT como a Rúa dos Contos ou o OTNI, que "realmente fan do festival unha cita de referencia". O OTNI arrinca o xoves 20 de outubro ás 21.00 horas da man da compañía galega Lusco e Fusco e o seu espectáculo "Encontros". Comedia e virtuosismo forman parte desta montaxe ecléctica na que danza, acrobacia, equilibrios, manipulación de obxectos e xogos malabares están ao servizo da narración teatral. Completa o OTNI unha sorprendente proposta concibida a modo de performance e animación audiovisual (stop motion) que sorprende polo seu carácter artesanal e orixinalidade: "That's the story of my life". Será o domingo 28 de outubro, tamén ás 21.00 horas. Aínda quedan entradas para todas as propostas do OTNI. Os interesados e interesadas poden consultar o programa ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: