Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unhas marionetas para "Alicia no país...

ENTREGA DO XOGRAR DE OUTONO

Unhas marionetas para "Alicia no país das marabillas" e o "Oeste Solitario" irlandés: na segunda fin de semana do FIOT

Venres 21 de outubro do 2011

A compañía Teatro de Marionetas de Porto visita o FIOT por primeira vez e está considerada unha das máis importantes do mundo. Son especialistas en experiencias experimentais coas marionetas, procurando innovar e encontrar novas formas de concebir e de manipulación, misturando toda esta técnica con outras disciplinas como a danza, as artes plásticas e a música. Neste caso trasladan ao mundo adulto o clásico de Carroll, nunha versión en portugués e inglés de gran beleza plástica e poética. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos e o prezo da entrada de 6 euros. No caso de "Oeste solitario" (de 95 minutos de duración), esta obra pecha a triloxía de Lennane, que escribiu o prestixioso dramaturgo contemporáneo irlandés Martin McDonagh, que se caracteriza por destacar os aspectos violentos e grotescos. Hai que subliñar, ademais, que no caso de "Oeste solitario" haberá unha nova edición do ciclo "Café con..." o sábado a partires das 19.30 horas, nun encontro do público cos actores do espectáculo.

OTNI e Xograr de Outono

Ademais da representación de "Oeste solitario" o sábado 22 de outubro está prevista a entrega do galardón Xograr de Outono, que en 2011 recaeu no polifacético artista Kukas (Marcelino de Santiago Viqueira). A cita está prevista para as 21.00 horas, xusto antes do comezo da función. O premio "Xograr de Outono" é un nomeamento honorífico entregado pola organización do festival a unha persoa ou entidade que destaque pola súa promoción do teatro en Galicia. En anteriores edicións do FIOT foron merecedores deste premio destacadas figuras como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó e Paula Carballeira.


No que respecta ao OTNI, este programa paraleo do FIOT comezou o xoves 20 cunha proposta da compañía galega Lusco e Fusco, e os seus "Encontros". Unha mestura entre danza, malabares, clown e o circo máis tradicional que mantivo un constante sorriso no público que acudiu ao salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. Unha historia sinxela cunha coidada posta en escena e un excelente traballo de acrobacia por parte de Pablo Reboleiro e Fredi Muíño que encantou aos asistentes. O OTNI continúa o domingo 23 ás 21.00 horas con "Losing grip", da compañía Desastronauts. Un proxecto cun equipo de aparatos aéreos no que se teñen investido 20 meses de traballo de produción e creación. Unha proposta arriscada que mistura o novo circo e a danza contemporánea cunha linguaxe teatral sen palabras e moi física. Máis información sobre "Losing grip", aquí.

Compartir: