Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno debate o axuste de varias ordenanzas...

ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DOS POSTOS DO MERCADO MUNICIPAL

O pleno debate o axuste de varias ordenanzas fiscais a un acordo cos grupos políticos de Bergantiños e á suba do IPC

Sábado 22 de outubro do 2011

No caso da recollida de lixo, non está previsto gravar as cotas do comercio local. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que Carballo é un dos concellos da zona cun nivel de auto financiamento máis baixo. Así mesmo, resalta que existe a vontade do Goberno de manter os servizos existentes e sufragar a incorporación doutros novos, como a posta en marcha da nova Escola Infantil ou o Centro de Día en 2012. Nese sentido, explica que a achega do Concello carballés prevista en 2012 para contribuír ao mantemento do Centro de Día, segundo os cálculos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta (responsable do novo servizo), supón un custe de 8.000 euros ao mes, nun total de 96.000 euros ao ano. Así mesmo, na actualidade o mantemento da Escola Infantil "As Landras" (de 61 prazas) supón un gasto anual de 88.951 euros, mentres que o previsto para a nova Escola Infantil (de 102 prazas) podería superar os 100.000 euros de custo, tamén segundo o Consorcio. A suba do IVTM suporía un incremento de máis de 100.000 euros que se destinarían a sufragar estes novos gastos. Do mesmo xeito, o incremento na taxa de lixo suporía uns 130.000 euros de suba na recadación, que, aínda que non permitirá cubrir todos os gastos derivados do servizo (deficitario nuns 400.000 euros anuais), mellorará as contas. En todo caso, o acordo entre os concellos de Bergantiños fíxose necesario, segundo Ferrero, "porque é preciso que os veciños perciban que nun ámbito territorial semellante pagan o mesmo por determinadas prestacións". Ademais, o Alcalde quere subliñar que o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica non sube en Carballo dende hai 12 anos, e que o da recollida de lixo non se toca dende 2004.

Actualizacións ao IPC e Pacto de Vilardefrancos

Ademais da suba das taxas xa mencionadas, a sesión propón a actualización doutras ao IPC. Trataríase das referentes á depuración e abastecemento de augas e aos prezos públicos pola utilización das instalacións deportivas municipais. No primeiro caso, sería un incremento dun 2,9 por cento, nun cálculo realizado entre setembro de 2010 e agosto de 2011. No caso dos prezos públicos do Padroado Deportivo Municipal, o axuste ao IPC sería dun 4,7 por cento, calculado entre xaneiro e xullo de 2010. Así, os abonos individuais pasarían de 15 a 15,71 euros; os da mocidade, de 12, a 12,56 euros; os bonos de mañá pasaría de 13 a 13,61 euros; os familiares de 20 a 20,94 euros; e os de maiores de 60 anos de 12 a 12,56 euros. No caso dos abonos para colectivos desfavorecidos, de 9 euros, o prezo permanecería inalterable. A cota do ximnasio tamén permanece inalterable en 6 euros. O Alcalde subliña que non se redondearon as cifras, xa que o feito de que todos os abonos estean domiciliados non causa ningún problema de xestión polo axuste de prezos. Nestes momentos, os abonos polo uso das instalacións deportivas chegan a 2.100, e a 4.100 o número de abonados. Nos últimos dous anos téñense rexistrado máis de 1.000 novos abonos.


Xa fóra das propostas para actualizar as ordenanzas fiscais, o pleno tamén debaterá a adxudicación definitiva dos postos do mercado municipal. O acordo que se leva ao pleno propón que os concesionarios continúen nos espazos que están ocupando na actualidade. Outro dos puntos da orde do día é a renuncia do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, que deixa o seu posto por motivos laborais. Así, está previsto que fixe o seu traballo e a súa residencia en Nova Yok, Estados Unidos. Ocupará o seu lugar no salón plenario o número 11 das listas do BNG, Daniel Pérez. Por último, a sesión inclúe a aprobación da Declaración Institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres; e tamén o informe de tesourería e intervención de loita conta a morosidade, que reflicte o importe das facturas impagadas polo Concello no prazo de 50 días. Neste caso, recóllense 206.963,87 euros en facturas pendentes de abono.

Xa fóra da orde do día, o Goberno carballés fixo público o contido do Pacto de Vilardefrancos, un borrador que inclúe una proposta de liñas de dinamización empresarial do Concello de Carballo diante da crise económica. Os grupos políticos de TEGA, PSOE e PP xa contan cunha copia desta iniciativa que pretende desenvolver accións concretas que fomenten a xeración de iniciativas e proxectos, públicos e privados, que supoñan novas oportunidades de desenvolvemento económico e social e, sobre todo, a creación de emprego. O obxectivo é que todos os grupos políticos do Concello consensúen este proxecto, do que máis adiante serían partícipes os sindicatos e organizacións empresariais do municipio.

Compartir: