Inicio Carballo ao día Hemeroteca Marcelino de Santiago, Kukas, recolle o Xograr de...

O FIOT XA CONTA CO SEU PRIMEIRO PREMIO MARÍA CASARES

Marcelino de Santiago, Kukas, recolle o Xograr de Outono pedindo accións para evitar o esmorecemento da cultura

Luns 24 de outubro do 2011

A entrega do Xograr de Outono estivo precedida dunha agradable sorpresa para o FIOT. Así, Alberto Sueiro e Antón Guitoi, en nome da Asociación Cultural Telón e Aparte, recibiron de mans de Quico Cadaval, director de "Un cranio furado", un dos premios María Casares que esa obra recibiu na última edición dos galardóns, o correspondente ao mellor espectáculo. O motivo, que a obra foi unha producción entre PT Excéntricas e o propio festival a quen Cadaval agradeceu a súa colaboración, amosando o seu "orgullo" por formar parte do FIOT. "Os de Excéntricas queremos que o premio figure nas vitrinas do festival de Carballo", rematou o director. Alberto Sueiro agradeceu este xesto en nome de todo o público carballés e das persoas da organización que ao longo de 20 anos teñen feito posible un festival con capacidade incluso para producir un espectáculo coma "Un cranio furado", a obra máis galardoada na última edición dos premios María Casares. Tras o acto de entrega do Xograr de Outono tivo lugar a representación da obra "Oeste solitario", continuación de "Un cranio furado", tamén baixo a dirección de Quico Cadaval e cuxa escenografía foi deseñada precisamente polo propio Marcelino de Santiago, Kukas. A obra, do xénero "grotesco", segundo expresa o propio Cadaval, contou coa participación como actores de Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Marcos Correa e María Lado.

Premios do XI Concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís


A segunda fin de semana do FIOT comezou o xoves 20 coa proposta do OTNI "Encontros" e rematou o domingo 23 con outro OTNI, "Losing grip" ambos centrados no xénero do Novo Circo e arrancando as gargalladas e a empatía do público, respectivamente. Entremedias, os espectadores puideron desfrutar das propostas de sala coas marabillosas marionetas de "Wonderland", nunha viaxe fantástica polo mundo dos soños chegada dende Porto; e do humor negro, grotesto e case brutal de "Oeste solitario". Pero ademais, o auditorio do Pazo da Cultura acolleu o domingo 23 a entrega de premios do XI Concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. Esta actividade creouse para dar protagonismo aos espectadores máis pequenos, coa intención de promocionar o teatro e favorecer a súa iniciación e interpretación dramática. As asociacións e centros escolares da comarca de Bergantiños, tanto de Primaria como de Secundaria, participaron neste concurso cun pequeno texto teatral que puxeron en escena na emisora local de Radio Voz. Esta actividade conta coa colaboración e patrocinio de Radio Voz Bergantiños, Libraría Brañas, Editorial Galaxia, AGADIC e Deputación.


Entre os gañadores repartíronse premios por un importe de 850 euros. E os galardoados foron os seguintes: na categoría de maiores o primeiro premio recaeu na Escola Municipal de Teatro de Cabana; o segundo premio foi para Os Celtíberos. Na categoría dos máis pequenos, a primeira posición foi para o grupo Bule-bule do CEIP Fogar. Tamén recibiron premio nesta categoría os Chicharacheiros do CEIP Artai, Os tres contistas do CEIP Bergantiños e, de novo, a Escola Municipal de Teatro de Cabana.

Compartir: