Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o Feirón de Outono o...

A EXPOSICIÓN "CARBALLO 1836-2011": NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

Carballo acolle o Feirón de Outono o domingo 30 de outubro coa celebración do IV Concurso de Produtos do Agro

Sábado 26 de novembro do 2011

Dentro das actividades previstas para os próximos días dentro da área de Promoción Económica e Turismo, tamén hai que subliñar a apertura o 4 de novembro da exposición "Carballo. 1836-2011", que estará no Museo de Bergantiños até o 31 de xaneiro. Trátase dunha mostra que presenta unha comparativa dos cambios da paisaxe e da demografía que ten vivido o Concello carballés dende a súa fundación. Esta exposición inclúe a musealización do reloxo do antigo edificio da casa consistorial, que pasará a formar parte da oferta permanente do Museo de Bergantiños. Precisamente no Museo de Bergantiños estará situado un dos tres puntos de información dixital que estarán dispoñibles no municipio e cuxa instalación comeza a próxima semana. Así, a través dun contrato de concesión está previsto colocar pantallas de comunicación visual exterior e pantallas táctiles na Praza do Concello, no Centro de Promoción Económica do polígono de Bértoa (CPEC) e no Museo. No primeiro caso, ofrecerase información xeral sobre o Concello; no segundo o punto informativo centrarase na información económica e no parque empresarial de Bértoa; e no terceiro ofrecerase información turística e de ocio.

Segundo informa o Concello, nestes momentos están en pleno desenvolvemento os contidos que formarán parte destas pantallas, que, no caso do CPEC e a Praza do Concello estarán dispoñibles as 24 horas do día. O primeiro dos puntos comezará a instalarse a próxima semana na Praza do Concello, a carón do actual Minipuntolimpo. Estas pantallas tamén inclúen a posibilidade de que as empresas que o desexen poidan realizar publicidade mediante un acordo coa concesionaria.

II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo


Por último, e antes de presentar a renuncia ao seu cargo no pleno do 26 de outubro, o aínda Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, quixo falar do II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Trátase da segunda fase desta iniciativa que se desenvolveu con éxito a primeiros de ano e que abrirá proximamente unha nova convocatoria. O obxecto deste plan é que os comercios da vila que así o soliciten (que non teñan participado na primeira convocatoria do plan e nun máximo de 25) teñan a oportunidade de recibir un informe personalizado sobre o seu establecemento para analizar o escaparate, a faciana ou o interior dos seus negocios e poder mellorar logo a súa imaxe comercial. Os participantes terán a opción de concorrer a un Concurso de Escaparatismo que posibilitará aos premiados a montaxe dos seus escaparates por profesionais especializados. Segundo explica Guillín, o obxectivo é que o concurso poida desenvolverse coincidindo coa tempada de Nadal e servir tamén para incentivar as compras en datas tan sinaladas para o comercio local.


Durante a rolda de prensa celebrada para falar destas actividades o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecerlle a Guillín o traballo desenvolvido até o de agora, especialmente "pola súa capacidade de innovar e estar en permanente contacto coa sociedade carballesa". Tamén desexou "que non o botemos moito de menos", porque iso quererá dicir que as cousas seguen a marchar ben na súa área para os veciños e veciñas de Carballo, e desexoulle así mesmo "moitísimos éxitos nese novo reto persoal e profesional que emprende en Nova York".

Compartir: