Inicio Carballo ao día Hemeroteca As risas de Ron Lalá e a traxedia da...

DOMINGO 30 E LUNS 31 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

As risas de Ron Lalá e a traxedia da xenial Nuria Espert: punto e final da XX edición do FIOT

Venres 28 de outubro do 2011

Un espectáculo en tempo real que dura dez segundos, seis días e mil anos. STOP. Cinco actores e músicos. STOP. Moitos instrumentos. STOP. Unha tempestade de gargalladas arredor dos tempos que corren. STOP. Ji-jA,ji-ja,...STOP. Acendede o cronómetro. STOP. 3, 2, 1... Así é "TIME al tiempo", a ultima proposta de Ron Lalá, un percorrido cos rapeiros Pasado e Futuro, co banqueiro do tempo, co mafioso señor Minutti: con moitos personaxes e historias divertidas, delirantes e atemporais. Os madrileños volven a Carballo coas súas mellores armas; o humor, o teatro e a música en directo ao máis puro estilo ronlalero que engancha a espectadores de España e América. Moito humor crítico e cítrico, frenético, moderado surrealismo, de textos xeniais e moi tolos, regados cunhas gotas de aceda poesía e con flamenco, jazz, hip-hop ou rock. Un traballo de creación colectiva de scketches e cancións hilarantes para que nos poñamos en hora. Ron Lalá serán tamén os encargados de pechar a actividade paralela "Café con...", nun encontro ás 19.00 horas co público que o desexe. A duración prevista do espectáculo, cos intérpretes Juan Cañas, Miguel Magdalena, Iñigo Echevarría, Daniel Rovalher e Álvaro Tato, é de 90 minutos.

E para rematar o XX aniversario do FIOT da mellor maneira posible, chega o luns 31 a gran dama do teatro en España, unha esperadísima Nuria Espert que se mete na pel de múltiples personaxes para dar vida a "La violación de Lucrecia". Trátase dun poema narrativo de William Shakespeare que conta a instauración da república romana, pero no que atopamos elementos tan vixentes aínda no noso tempo como o poder e a violencia exercida contra as mulleres. O reto de creación e de interpretación de Nuria Espert para dar vida durante 75 minutos a todos os personaxes, á violada Lucrecia, ao criminal de Tarquino, ao marido Colatino, a un nobre romano e ao narrador da historia, fan do traballo interpretativo de Nuria Espert un dos mellores na súa importante e prestixiosa traxectoria profesional no teatro. Este espectáculo está dirixido por un dos directores de referencia na actualidade, Miguel del Arco, director tamén do espectáculo de maior éxito do teatro español da última tempada e que participou na edición do FIOT 2010 con "La función por hacer". A presenza de Nuria Espert nesta XX edición festival é un grande agasallo para os amantes do bo teatro, xa que teremos a ocasión de gozar dunha das mellores actrices do panorama nacional. É unha auténtica honra pechar o FIOT 2011 con esta fermosa mostra de teatro.

Compartir: