Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinada a acta de recepción dos traballos...

AS INSTALACIÓNS TEÑEN CAPACIDADE PARA 102 NENOS E NENAS

Asinada a acta de recepción dos traballos da nova Escola Infantil Municipal, situada na contorna da estrada de Razo

Venres 4 de novembro do 2011

Segundo se recolle no proxecto, o novo edificio distribúese en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, no que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións. Cada unha das aulas conta co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior, onde está instalada unha aula ao aire libre. O edificio foi equipado así mesmo con dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que hai unha zona separada para berces. A edificación conta co seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. Estas instalacións súmase á Escola Infantil Municipal As Landras inaugurada en setembro de 2004. O Concello calcula que o mantemento da nova escola infantil suporá uns 100.000 euros anuais de achega municipal, mentres que o custo actual para o mantemento das Landras achégase aos 89.000 euros. En todo caso, nestes momentos o Concello está en conversacións co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para concretar a achega da Xunta e a achega municipal para a posta en marcha do novo servizo.

Compartir: