Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Museo de Bergantiños acolle até o...

INCLÚE A MUSEALIZACION DO RELOXO DO ANTIGO CONCELLO

O Museo de Bergantiños acolle até o 31 de xaneiro a exposición "Carballo. 1836-2011", no 175 aniversario do municipio

Venres 4 de novembro do 2011

Un dos principais atractivos da exposición é a presenza de dúas grandes imaxes que recollen unha vista aérea do casco urbano da capital municipal carballesa hai uns 30 anos e hoxe en día. Con estas fotografías pode realizarse unha comparativa sobre o crecemento urbano da vila, ou incluso observar a incorporación de edificios emblemáticos como o Pazo da Cultura, o complexo Fórum Carballo que preside o barrio da Milagrosa ou o edificio do novo mercado. Tamén poden observarse os traballos de urbanización realizados no centro, coa incorporación de numerosas vivendas e rúas. Outros dos elementos que inclúe a exposición é a presenza de planos antigos da vila, ou de mapas nos que se reflicte a variación da densidade demográfica dende o nacemento do Concello. Tamén hai unha vitrina con documentación de interese, sacada dos arquivos municipais. Os interesados e interesadas en visitar esta mostra retrospectiva dos 175 anos de vida de Carballo poden achegarse ao Museo de Bergantiños no seu horario habitual: pola mañá, de martes a sábado de 12.00 a 14.00 horas e os domingos de feira de 11.00 a 14.00 horas; pola tarde, de martes a venres de 18.00 a 20.00 horas; os luns o Museo permanece pechado.

Compartir: