Inicio Carballo ao día Hemeroteca O espectáculo "Plecs" da...

A PUNTUACIÓN GLOBAL DOS ESPECTADORES É DE 4,10 SOBRE 5

O espectáculo "Plecs" da compañía Enfila't gaña o Premio do Público do XX Festival Internacional Outono de Teatro

Luns 7 de novembro do 2011

No ciclo OTNI o espectáculo mellor puntuado foi "That's the story of my life", da compañía Macarena Recuerda Sheperd, con 4,16 puntos, aínda que ningún dos espectáculos que integraron este ciclo dedicado a propostas que empregan novas dramaturxias e códigos e linguaxes menos convencionais baixou dos 4 puntos. En total emitíronse 1.375 votos. A media da puntuación dos 11 espectáculos programados (8 no Auditorio e 3 do Ciclo OTNI) é de 4,10 puntos sobre 5, polo que se pode dicir que os espectadores valoraron o conxunto da programación con un notable alto. A organización realiza un balance moi positivo da puntuación obtida polo programa do FIOT e agradece aos espectadores o seu interese polo festival e apoio ao festival que globalmente se desenvolveu con grande éxito. A edición do 2011 incluíu un total de 40 actividades diferentes, das que 8 foron espectáculosque do programa de Sala, 3 do ciclo OTNI, 2 de rúa ou infantís, 14 do ciclo da XII Rúa dos contos (o que fan un total de 27 espectáculos programados) e outras 13 actividades complementarias como o "Café con...", o galardón o Xograr de Outono, que recau en Marcelino de Santiago, Kukas ou o XI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís.

Máis de 8.800 espectadores


En total participaron directamente no FIOT 8.843 espectadores (dos que 3.018 o fixeron na Programación de Sala e no Ciclo OTNI) e viñeron a Carballo máis de 90 artistas (actores e directores) ou técnicos de diferentes compañías, que manifestaron o seu agradecemento polo trato recibido. Así, en todas as actividades a participación foi masiva, enchéndose case todos os espectáculos e esgotándose os bonos e as entradas para 4 espectáculos o primeiro día da súa posta á venda. A alta demanda (moito máis alta que en ningunha outra edición do FIOT) orixinou algunhas dificultades na xestión da venda de entradas que se intentarán mellorar na vindeira edición.O interese suscitado polo programa da XX edición do FIOT conlevou tamén o interese e asistencia tanto de representantes políticos, como o Presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o do Conselleiro de Cultura, Roberto Varela así como de organizadores doutros festivais de teatro de Galicia ou de programadores teatrais doutros Concellos, actores ou directores de diversas compañías de teatro galegas que estiveron interesadas nos espectáculos programados.


A proxección da XX edición do FIOT tamén se constatou na presencia constante de información durante todo o mes de outubro en diversos medios de comunicación de toda Galicia así como en medios especializados de artes escénicas, redes sociais, blogs ou páxinas web. Por este motivo, consideramos que o FIOT e Carballo foi o centro de atención do teatro galego durante o mes de outubro. A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, como organizadores do FIOT, queren tamén agradecer a súa implicación ao equipo de máis de 20 voluntarios que colaboraron coa organización e coa atención ao público, así como a todas as entidades que fixeron posible a organización deste festival e, en especial, á AGADIC da Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña, á Secretaría de Estado de Igualdad del Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad, o Instituto Camôes de Portugal, a NovaCaixaGalicia, á Fundación Reale Seguros, a Sogama, á Librería Brañas e aos locais de hostalería de Carballo que participan na Rúa dos Contos.

Compartir: