Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Urbanismo decide non...

COMEZARASE COS TRABALLOS DE RECATALOGACIÓN ARQUEOLÓXICA

A Comisión de Urbanismo decide non adiantar modificacións do PXOM ata que non chegue o informe previo da Xunta

Martes 8 de novembro do 2011

Así, monumentos como o Dolmen de Pedra Moura, incluído no Parque do Megalistismo; ou edificios como o antigo cárcere, agora Biblioteca Municipal, deberán ser catalogados e darse conta do seu estado, nun trámite obrigado antes da aprobación definitiva do plan. Nestes momentos o Concello está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM, xa que o documento en vigor, aprobado en 2003, foi anulado por unha sentenza de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sentenza que está agora recorrida. Precisamente hai unhas semanas foi a vista do recurso de casación ante o Tribunal Supremo e está previsto que en breve se emita a sentenza definitiva, que podería ratificar a anulación. Por ese motivo, todos os grupos da corporación están dacordo en traballar para axilizar o máis posible o proceso de aprobación do novo plan, xa que, de suspenderse o de 2003, volverían a rexer as normas subsidiarias de 1981 para o casco urbano e as de 1984 para o medio rural. Ademais, se o Supremo ratifica a anulación, o Concello tería como límite dous anos de prazo para sacar adiante un novo documento, un para a aprobación inicial e outro para a definitiva.

Unha vez que a administración autonómica elabore o informe previo sobre o documento do PXOM, remíteselle ao Concello para que realice as modificacións pertinentes e leve o documento ao pleno da corporación para a súa aprobación inicial. Unha vez ratificado o PXOM polo pleno, establécese un período de expos¡ción pública no que se poden presentar alegacións, pero no que tamén se deben realizar informes sectoriais ou remitir notificacións aos concellos colindantes, entre outros trámites. Paralelamente, realízase o trámite de información ambiental. De ser superado, o PXOM mantén a memoria ambiental orixinal, pero de haber puntualizacións, deberán terse en conta e incluírse no documento. Despois de culminar ese proceso e da resolución de alegacións, o planeamento volve ao pleno para a súa aprobación provisional e finalmente, remítese por última vez á Xunta para a súa aprobación definitiva. Trátase dun proceso longo que o Goberno local espera axilizar na medida do posible, pero sempre ofrecendo as garantías legais e normativas oportunas.

Compartir: