Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o domingo 13 de novembro a I...

XA ESTÁN INSCRITAS ARREDOR DE 60 PERSOAS

Carballo acolle o domingo 13 de novembro a I Marcha Cicloturista BTT Ruta das Férvedas

Mércores 9 de novembro do 2011

Respecto ás características máis concretas do percorrido, ten unha dificultade media-alta, a marcha será controlada, sen tramos libres e de carácter non competitivo, estando aberta a participación a todos os deportistas maiores de 15 anos en posesión de licenza, ben anual ou dun único día. A marcha cumpre con todas as medidas de seguridade que esixe a Federación, con motos, vehículos de apoio e ambulancias. Ao remate da ruta está prevista a degustación duns pinchos, así como a entrega de obsequios: ao participante e á participante de maior e menor idade; ao participante e á participante de maior e menor idade residentes en Carballo; ao club máis numeroso; e ao club máis lonxano. Para participar hai que abonar uns dereitos de inscrición que son de 12 euros para os participantes con licenza e de 24 euros para quen non a teñen (incluíndo os 12 euros de custo da licenza dun día). Os ciclistas deberán ser autosuficentes durante a marcha e disporán do seguinte equipamento mínimo obrigatorio: casco homologado, bicicleta en bo estado, auga, cámara e ferramentas básicas. Tanto o Alcalde de Carballo como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, queren agradecer o interese do Club Ciclista Carballo en poñer en valor unha ruta homologada como a Ruta das Férvedas e manifestaron a vontade da administración local de seguir colaborando con iniciativas deste tipo no futuro.

Os interesados e interesadas aínda poden inscribirse, a través de Internet ou ben persoalmente ata o xoves 10 de novembro ás 00.00 horas. En calquera das dúas modalidades é imprescindible facer antes a achega económica correspondente. A inscrición persoal realízase nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal situadas na rúa Vila de Corcubión s/n, onde se facilitará o impreso correspondente e a copia do documento que xustifique o ingreso. O horario do Padroado é pola mañá, de luns a venres de 8.30 a 14.00 horas; pola tarde, martes e xoves de 17.00 a 19.00. A inscrición electrónica pode formalizarse a través do correo <btt.fervedas@cccarballo.com>. Para obter máis información sobre o número de conta para realizar o ingreso ou sobre a documentación necesaria, pode contactarse co Padroado Deportivo Municipal no 981 702 109 ou consultarse a web do Club Ciclista Carballo: <cccarballo.com>.

Compartir: