Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de trinta agrupacións e nove...

O FESTIVAL DE ROCK LIVE IN CANCES ABRE AS ACTIVIDADES O VENRES 11

Máis de trinta agrupacións e nove concertos de todos os estilos conforman o programa do Novembro con Música 2011

Xoves 10 de novembro do 2011

A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, tamén quiso subliñar que parte destas actividades son posibles a través do Convenio Musical que se establece coas agrupacións do municipio e que implica a colaporación da administración local e a cesión de locais de ensaio no Pazo da Cultura, especialmente no caso das bandas de pop e rock. O Live in Cances, festival rock que abre a programación, ten un cartel formado por tres bandas de Carballo, Fric-Frac Trio, Versión Imposible e The Killer Cats; e unha coruñesa, Tremendos Cien Pavos. A cita, organizada pola Asociación Cultural San Campio, é o venres 11 a partires das 22.00 horas no Novo Local Social de Cances. No apartado de música tradicional, o sábado 12 é o concerto Sons de aquí, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Un total de nove agrupacións de cantareiras e gaiteiros de distintas parroquias como Cances, Razo, Berdillo, Bértoa ou Carballo, ademais da Banda de Gaitas Municipal, expoñen o mellor do seu repertorio. O programa complétase o mesmo día, pero ás 19.00 horas cun Magosto en Razo que conta coa presenza de varias agrupacións folk e cos regueifeiros Suso e Antonio de Xornes.

A música coral ten dobre representación no programa, primeiro o sábado 19 de novembro co Festival de Corais e tamén o sábado 26 co concerto na honra de Santa Cecilia, que neste caso trae como invitadas agrupacións de Pontedeume e Melide. A música clásica ten como principal expoñente as actuacións programadas polo Conservatorio Profesional de Música. O xoves 24 de novembro principian cun conerto que conta coa solista de violín Julia Arca Suárez, ademais da Orquestra Xuvenil de Corda do Conservatorio e a Big Band que recolle éxitos dos anos 40 e 50 con música próxima ao swing e ao jazz. E A Banda Municipal de Carballo pecha o programa cun concerto o sábado 3 de decembro. Hai que subliñar por último dúas propostas ben diferentes. Por un lado, o ciclo En Familia co Concerto Chimpín Express, que presenta "O tren dos contos". Música e contos para os máis pequenos e pequenas coa colaboración da Deputación da Coruña. A cita é o domingo 27 de novembro ás 18.00 horas. E por outro, a música de autor do Concerto de Miro Casabella e Luis Pastor, dúas figuras claves na canción galega e na canción protesta dos 70, respectivamente. Estarán arropuados pola artista Uxía nun encontro de "voces privilexiadas", en verbas de Evencio Ferrero.

O programa complétase con dúas exposicións. A primeira titúlase "Anónimas", do coecido artista carballés Mon Lendoiro. Organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo, transcorre dende o día 4 e até o 30 de novembro na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura. Esta colección de retratos é unha serie pictórica que o autor comezou hai uns dous anos, coma un pequeno homenaxe ás mulleres que son e forman parte da súa vida e polas cales sinte unha grande e fonda admiración. A segunda titúlase "No time" e ocupará a sala da baixocuberta do Pazo da Cultura (3º andar) dende o 11 de novembro ata o 16 de decembro. É unha creación de dous artistas nórdicos, Peter Kramer e Nils Viga Hausken, que propoñen unha obra sorprendente e rescatan unha busca que comezaron hai vinte anos cunha exposición en Valencia. Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, poden facelo nesta mesma nova nun documento en pdf. Neste programa, ademais das asociacións musicais carballesas e o Concello, tamén participan a Deputación da Coruña. Máis información nas Oficinas de Cultura no primeiro andar do Pazo ou no 981 704 300.

Compartir: