Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición "No Time" de Peter...

ATA O 16 DE DECEMBRO NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA

A exposición "No Time" de Peter Kramer e Nils Viga Hausken, reflexiona "conceptualmente" sobre o paso do tempo

Venres 11 de novembro do 2011

Un dos dous murais que compón a mostra recolle a proposta de Kramer, cun total de 25 cadros que en conxunto forman un mosaico no que a cor branca é a protagonista e no que as texturas se converten nun elemento relevante e diferenciador. En contraposición, Viga Hausken amosa a lenta transformación dunha bolboreta que xorde da metamorfose dun código de barras en branco e negro. No seu caso, o principal método de traballo dende o ano 2000 é o punto de cruz, unha técnica que emprega para reflectir o lento proceso de transformación, reproducindo imaxes cada vez máis pixeladas, plasmando que a nosa cultura de rápido consumo non deixa tempo para capturar os matices a a profundidade dos conceptos. No mosaico creado por Kramer, residente en Malpica, apóstase por que a óptica da obra sexa a da proximidade, a do microscopio, a duns ollos que case colisionan co obxecto. Así, no seu caso o obxectivo é o de observar de preto elementos que a certa distancia o ollo non é quen de captar; xusto ao contrario que na obra do seu compañeiro, en que a precisión xorde cando é observada dende a distancia. Ao acto de inauguración asistiron, ademais dos propios autores, Mar Eirís Villar, Concelleira de Cultura. Ademais, ao remate do acto, o prestixioso saxofonista galego Roberto Somoza interpretou uns solos amosando o seu dominio do instrumento e coa vontade, segundo el mismo expresou, de tocar mentres a xente desfrutaba da proposta artística.

Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da exposición nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: