Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo para participar no II Plan de...

INSCRICIÓNS ATÉ O 2 DE DECEMBRO

Aberto o prazo para participar no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo do Plan de Reactivación Empresarial

Martes 15 de novembro do 2011

Os interesados/as en participar poderán recoller os impresos de solicitude tanto no Rexistro de Entrada da Casa do Concello coma noutros puntos comerciais estratéxicos e calquera establecemento carballés pode tomar parte na iniciativa. Durante o estudo da consultora realizaranse entrevistas individualizadas nas que se analizarán os rótulos, a iluminación, o xeito en que están expostos os produtos, o mobiliario ou a rendibilidade do punto de venda. Con eses datos elaborarase un informe coas carencias e fortalezas da tenda, ademais dunha ficha técnica do establecemento. A partires de aí, ofreceranse as indicacións para mellorar a imaxe e para conseguir obter o máximo rendemento do local e do negocio, en resumo, para ser máis competitivos. O obxectivo é mellorar os establecementos a curto, medio e longo prazo. Os criterios concretos para a selección dos participantes son a antigüidade do comercio; e o grao de minusvalía do 33 por cento ou superior do propietario/a ou dalgún empregado/a. En caso de empate, teranse en conta os anos de traballo como comerciante da persoa titular ou que dirixe o comercio. Non poderán tomar parte neste plan aqueles establecementos que xa se beneficiaron do I Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, celebrado entre xaneiro e abril deste ano.

Os interesados e interesadas poden descargar o formulario de solicitude, así como o modelo de declaración xurada necesario para participar, nesta mesma nova en pdf.

Compartir: