Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Brigada de Medio Ambiente limpa o Paseo do...

RETIRADOS CATRO NOVOS VERTEDOIROS INCONTROLADOS

A Brigada de Medio Ambiente limpa o Paseo do Anllóns e leva a cabo a poda de varias árbores

Venres 18 de novembro do 2011

Outros labores da Brigada de Medio Ambiente consisten na retirada de residuos voluminosos a través do Punto Limpo Móbil, pero tamén con atención aos vertedoiros incontrolados. Nos traballos do mes de novembro retiráronse arredor de 100 voluminosos a través de tres vías. Por un lado, coas chamadas ao Punto Limpo Móbil, que funciona o primeiro martes de mes e que retira electrodomésticos, mobles e outros enseres de gran tamaño do colector da mesma rúa onde se depositan. Debe solicitarse con alomenos 24 horas de antelación no teléfono 981 701 642. Por outro, cos avisos dos condutores do servizo de recollida de lixo de Rexer, que vixían os restos depositados de xeito non regulamentario polos veciños e veciñas a carón dos colectores. E por último, os restos puntuais que a Brigada vai atopando durante o percorrido, e que teñen especial incidencia de xeito habitual nas parroquias de Razo, Baldaio e Bértoa. Así mesmo, hai que mencionar que no mes de novembro retiráronse un total de catro vertedoiros incontrolados atopados nas parroquias de Sísamo, Bértoa, Ardaña e Cances.

Punto Limpo

O Concello realiza de cotío labores de mantemento, conservación e posta en valor da ribeira do río Anllóns e do seu Paseo, especialmente na zona do Bosque. Así, o ano pasado plantáronse arredor de 200 árbores de ribeira nas marxes do río ao seu paso pola capital municipal para crear un espazo máis agradable e, ao mesmo tempo, evitar a erosión das marxes do río. Hai que lembrar así mesmo a presenza no Parque Empresarial de Bértoa do Punto Limpo, onde existen colectores específicos para mobles vellos, electrodomésticos, enseres domésticos, roupa, pneumáticos, radiografías ou cascallos procedentes de pequenas obras. En resumo, o Punto Limpo funciona como lugar de recollida de todos aqueles obxectos ou materiais non orgánicos que a cidadanía non sabe onde depositar. A maioría dos residuos depositados no Punto Limpo non son considerados lixo, ao poder ser reutilizados para novas funcións. Os materiais non aptos para a reciclaxe son enviados a plantas de tratamento especializadas. Este centro de recollida de residuos voluminosos e perigosos está aberto os martes, xoves e sábados de 10.00 a 13.00 horas.

Compartir: