Inicio Carballo ao día Hemeroteca As agrupacións corais cobran protagonismo...

SÁBADO 19 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS

As agrupacións corais cobran protagonismo na segunda fin de semana do Novembro con Música

Venres 18 de novembro do 2011

Respecto das formacións que participan no Festival de Corais, a Agrupación Polifónica de Carballo é a de máis recente creación, aínda que non a menos experimentada, porque moitos dos seus integrantes xa formaron parte doutras agrupacións corais. Naceu no ano 2001 e está integrada por músicos noveis e veteranos, incluso algún deles galardoado coa medalla de prata Marcial del Adalid. Nestes 10 anos de carreira, a Agrupación Polifónica de Carballo ten actuado en numerosos certames e lugares da nosa comunidade autónoma. Na actualidade están dirixidos por Javier Otero. A segunda das agrupacións corais é o Coro Aires de Bergantiños. Este coro de carácter marcadamente tradicional, vén de celebrar o ano pasado o seu 25 aniversario, un cuarto se século recuperando e divulgando a música tradicional, o patrimonio cultural no máis amplo sentido da palabra: tanto o material como o vestiario ou os instrumentos cos que interpretan parte do seu repertorio; como o inmaterial que son todas a melodías que se van recuperando para volver a escoitalas. Integrado na actualidade por unha trintena de compoñentes ataviados con distintos traxes típicos das diferentes comarcas de Galicia, este coro foi co fundando -entre outros- por Carlos Díaz "O Xestal", e na actualidade están dirixidos por Julia Cabanelas.

A última das intervencións do festival corre a cargo da Coral Polifónica de Bérgantiños, a máis veterana e recoñecida agrupación musical, todo un referente para moitas outras do seu estilo alén da comarca de Bergantiños. Nacida en 1969 a partir do Coro Xuventude de Bergantiños dirixido por Manuel Rodríguez, é unha das corais máis viaxeiras e experimentada de Carballo. Ademais conta cun amplo repertorio que abrangue música do cancionero clásico español, tradicional galego, zarzuela, habaneras pezas doutros continentes e mesmo montaxes que realiza a súa directora Gloria de los Ángeles Pardines. Ao igual que a Agrupación Polifónica de Carballo, varios membros da Coral Polifónica de Bergantiños levan no peito con orgullo a medalla insignia de prata de Marcial del Adalid, concedida pola Real Academia Galega de Belas Artes.

Compartir: