Inicio Carballo ao día Hemeroteca Técnicos do Consorcio Galego de Igualdade...

TAN SÓ FALTA PARTE DO EQUIPAMENTO E A DOTACIÓN DE PERSOAL

Técnicos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar inspeccionan a nova Escola Infantil para a súa futura posta en funcionamento

Martes 22 de novembro do 2011

Durante a visita, os técnicos estiveron acompañados por varios representantes do goberno local, como a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Medio Ambiente e Formación, Marcos Trigo; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, e o propio Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. A nova Escola Infantil foi financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña polo que o organismo provincial realizou unha achega de 550.000 euros, mentres que o resto do importe foi asumido polo Concello. Os traballos foron realizados por unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, o que supuxo no seu momento unha baixa sobre o prezo de licitación de 160.512,40 euros. O proxecto foi elaborado polo arquitecto José Villacé e seleccionado a través dun concurso de ideas. Esta nova escola infantil contará con dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Con este servizo complétase o ofrecido por As Landras, a Escola Infantil Municipal que xa está en servizo e que conta con 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O novo edificio distribúese en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, no que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións. Cada unha das aulas conta co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior a través de amplas fiestras e portas acristaladas. Neste espazo exterior parcialmente axardinado téñense instalado xogos infantís, como mini tobogáns e balancíns. O edificio foi equipado, así mesmo, con dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que hai unha zona separada para berces e que teñen así mesmo pequenas bañeiras para facilitar a hixiene dos cativos e cativas. A edificación conta co seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. Estas instalacións súmanse á Escola Infantil Municipal As Landras inaugurada en setembro de 2004. O Concello calcula que o mantemento da nova escola infantil suporá máis de 100.000 euros anuais de achega municipal, mentres que o custo actual para o mantemento das Landras achégase aos 89.000 euros.

Compartir: