Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Feira das Asociacións congrega a 20...

DOMINGO 27 DE NOVEMBRO NO SEGUNDO ANDAR DO MERCADO

A Feira das Asociacións congrega a 20 entidades para defender a eliminación da violencia contra as mulleres

Xoves 24 de novembro do 2011

A Feira das Asociacións serve no só para rexeitar a violencia, senón tamén para dar a coñecer o traballo que as asociacións participantes desenvolven nesta loita, e para ofrecer información ás mulleres afectadas. Así mesmo, a Concellaría de Igualdade desenvolve ao longo de todo o ano unha serie de actividades de apoio para as mulleres que inclúen dende cursiños ata programas de axuda e xornadas en prol da igualdade. Así, está dispoñible unha asesoría xurídica gratuíta para mulleres, información e asesoramento integral, atención psicolóxica ou o programa Concilia, para facilitar a compatibilización da vida laboral e familiar. Así mesmo, hai que subliñar que nestes momentos o Concello está traballando na elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidade das Mulleres de Carballo, un documento que pretende avanzar e afondar nos cambios sociais que contribúan a facer realidade o principio de igualdade entre homes e mulleres no ámbito municipal. Nace da convición de que as políticas de igualdade benefician ao conxunto da poboación e son necesarias para avanzar cara a unha sociedade que poida denominarse democrática e xusta.

Dentro do programa de actividades do 25 de novembro, hai que lembrar que os obradoiros para mozos e mozas "Medios visuais e prevención da violencia de xénero" continúan até o 29 de novembro. Son sesións de sensibilización e reflexión ao redor da violencia de xénero e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que servirán para que os rapaces e rapazas sexan capaces de analizar desde a perspectiva de xénero os estímulos que día a día vemos e escoitamos en medios de comunicación ou en calquera outro elemento publicitario. Os obradoiros están dirixidos aos alumnos/as de 5º de Primaria dos CEIP e aos alumnos/as de 4º da ESO dos IES de Carballo. Tamén participan dúas asociacións sen ánimo de lucro do Concello que traballan con discapacitados e discapacitadas. Por último, hai que lembrar que o andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición "Anónimas" cuxo autor é o coñecido artista carballés Mon Lendoiro. Organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo, é posible visitala até o 30 de novembro. Esta colección de retratos é unha serie pictórica que o autor comezou hai uns dous anos, coma un pequeno homenaxe ás mulleres que son e forman parte da súa vida e polas cales sinte unha grande e fonda admiración.

Os interesados e interesadas poden consultar ao completo a Declaración institucional do Concello con motivo do 25 de novembro de 2011 nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: