Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do contrato...

A ACHEGA PREVISTA PARA O POS É DE 672.000 EUROS

O pleno aborda a aprobación do contrato para tramitar a concesión de once novos postos do mercado municipal

Venres 25 de novembro do 2011

Así mesmo, na sesión plenaria de novembro está previsto abordar a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012, que ten un importe de 672.191,75 euros. As bases deste plan da Deputación permiten que o 60 por cento da achega se destine a gasto corrente, e o Alcalde, Evencio Ferrero, indica que nesta convocatoria "practicamente apuramos esta porcentaxe porque queremos ser prudentes". Así, segundo o rexedor "a evolución dos últimos anos indica que hai que facer axustes nos orzamentos" e o Goberno local ten como obxectivo "garantir o financiamento dos gastos correntes". A este último apartado destinaranse 392.456 euros, reservándose 279.735,75 a investimentos. As actuacións incluídas no POS 2012 refírense á dotación de saneamentos e a melloras viarias. Así, os proxectos incluídos son: rede de saneamento na parroquia de Rus por 96.590,27 euros; rede de saneamento na parroquia de Artes por 68.312,67 euros; e o rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Berdillo, Rúa e Entrecruces por 114.832,81 euros.

O acordo inclúe tamén a aprobación do Plan Complementario, que se realizaría coas posibles baixas derivadas na adxudicación dos traballos do POS. Neste caso, destinaríase a unha Rede de saneamento en Pedra Furada por 38.527,37 euros. A orde do día recolle así mesmo a toma de posesión do concelleiro do BNG José Daniel Pérez López, substituto de Xosé Manuel García Guillín que renunciou ao seu posto por motivos laborais e persoais. Así, vén de fixar o seu traballo e a súa residencia en Nova York, Estados Unidos. A Xunta Electoral xa remitiu a credencial de José Daniel Pérez, e unha vez entregada a súa acreditación, así como as declaracións patrimoniais, de bens e de incompatibilidades, xa pode tomar posesión. Por último, o pleno ordinario de novembro inclúe unha moción presentada polo grupo municipal do PP instando á creación dunha comisión informativa especial de investigación da presunta contratación irregular dunha persoa polo Concello de Carballo en 2008. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado en rolda de prensa pola Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, manifestou a vontade do Goberno de facilitar "toda a información necesaria relativa a este asunto", ademais de que o expediente relativo á contratación xa está a disposición de todos os grupos políticos que o queiran consultar en aras da transparencia.

Compartir: