Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno ao Plan de Obras e Servizos...

QUEDA SOBRE DA MESA O CONTRATO DOS POSTOS DO MERCADO

Luz verde no pleno ao Plan de Obras e Servizos (POS) para 2012 por un importe que supera os 670.000 euros

Martes 29 de novembro do 2011

En relación co mercado municipal a sesión incluía así mesmo na orde do día a aprobación do contrato administrativo especial para a 'Concesión administrativa dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo'. Así, segundo a proposta, a adxudicación sería mediante concurso aberto para a explotación de: once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propio; seis almacéns con cámaras de frío; e cinco almacéns para outros postos, todos eles situados no mercado municipal. Aos almacéns poderían optar tanto os postos exteriores como os interiores. O prazo da concesión sería de vinte anos (sen posibilidade de prórroga) para os once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propios; en cambio, no caso dos almacéns o prazo sería o mesmo que o estipulado na concesión do posto de venda ao que sexa vinculado, tamén sen posibilidade de prórroga. Porén, esta proposta quedou sobre da mesa para poder debatela nunha futura sesión plenaria. O motivo é que o voceiro do PSOE, José Antonio Viña, propuxo unha emenda para variar os criterios de valoración da adxudicación. Co fin de estudar a conveniencia e a legalidade desta emenda, o asunto aprazouse a un futuro debate por unanimidade de todos os membros da corporación.

No apartado de mocións, saíu adiante a proposta do PP de crear unha Comisión Informativa especial de investigación da presunta contratación irregular dunha persoa polo Concello de Carballo nos procesos de selección da auxiliares de axuda a domicilio celebrados dende o ano 2007. A comisión estará integrada por catro representantes do grupo municipal do BNG, tres do PP, un de TEGA e un do PSOE. A proposta saíu adiante cos votos a favor de PP, TEGA e PSOE e a abstención do BNG, que defende a creación da comisión en aras da transparencia pero que está en contra de que esta comisión sexa remunerada. Por último, o pleno de novembro supuxo a toma de posesión do concelleiro do BNG José Daniel Pérez López (na imaxe), substituto de Xosé Manuel García Guillín, que renunciou ao seu posto por motivos laborais e persoais. A Xunta Electoral remitiu a credencial de José Daniel Pérez en tempo e forma, e unha vez entregada a súa acreditación, así como as declaracións patrimoniais, de bens e de incompatibilidades, xa puido ocupar oficialmente o seu posto, no que exercerá como Concelleiro delegado das áreas de Mocidade e Novas Tecnoloxías. Así mesmo, Pérez pasará a ser titular da Comisión Informativa de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación (CIFECRIC) e suplente nas restantes.

Compartir: