Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ugia Pedreira e Rosa Bugallo imparten un...

MÁIS DE 1.300 NENOS E NENAS PARTICIPARON NO CONCURSO DE NADAL

Ugia Pedreira e Rosa Bugallo imparten un obradoiro de nanas dirixido a nais e pais

Luns 5 de decembro do 2011

Serán un total de dez cantos de berce cos que se fará unha análise dos valores expostos, e das que se practicarán as melodías e as letras. Tratarase tamén o significado da voz e o seu poder emocional tanto no útero como nos primeiros anos de vida. Ao final do obradoiro, os pais e as nais compoñerán a súa propia canción de arrolo para comezar a transmitirlle o galego aos seus peques. Dentro das actividades do Nadal Cultural, tamén hai que mencionar que xa se coñece o fallo do Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2011. Así, o xoves 2 de decembro tivo lugar no Pazo de Cultura a reunión do xurado que fallou o certame. Estivo presidido pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e formado por alumnos e alumnas dos centros de ensino, representados neste caso por Agustina Micaela Ocampo e Iria García Souto, do CEIP Bergantiños; e Alba Mato Souto e Eloy Cabeza Lamas, alumnos do CEIP Gándara-Sofán. Tamén houbo un representante dunha asociación cultural, sendo este ano a da Asociación Cultural Rebeldía, pola que acudiu José A. Deus Antelo.

Logo das oportunas deliberacións, resultou elexido como 1º premio, e por tanto postal gañadora a presentada pola Aula de 3 anos B, do CEIP Bergantiños, outorgándoselle un premio de 175 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma. Tal e como se recolle nas bases, ao centro educativo ao que pertenza o gañador deste galardón -neste caso o CEIP Bergantiños-, outórgaselle un premio por valor de 150 euros en material didáctico. Como 2º premio e cartel foi elixido o presentado por Noa Baldomir Rama, de 5 anos, da EEI Encrucilladas, outorgándoselle un premio de 100 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma. Ademais, concedéronse os seguintes accésits, cun valor de 60 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma: Lucía Viaño Silveira, de 6º curso de Primaria do CEIP Bergantiños; Ana Varea Vilariño, de 6º curso de Primaria do CEIP Fogar; Claudia Fidalgo Barral, de 3º curso de Primaria do CEIP Nétoma-Razo; María Gálvez Marquez, de 5º curso de Primaria do CEIP Fogar; e Adrián Viña Tuset, de 5º de Infantil do CEIP Xesús San Luís Romero.

Nesta edición participaron 1.365 nenos e nenas de 13 colexios de Educación Infantil e Primaria de Carballo. O cartel distribuirase polas rúas e comercios de Carballo e a tarxeta de felicitación será a que felicite as Festas do Nadal desde o Concello, así como portada do programa do Nadal Cultural que recolle todos os actos culturais que se celebran durante o Nadal en Carballo.

Compartir: