Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello remite á Xunta toda a...

INCLÚE OS EXPEDIENTES DOS DOCUMENTOS DE INICIO DE 2007 E 2010

O Concello remite á Xunta toda a documentación requirida para continuar coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Luns 5 de decembro do 2011

Nestes momentos o Concello está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM, xa que o documento en vigor, aprobado en 2003, foi anulado por unha sentenza de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sentenza que está agora recorrida. Precisamente a mediados do pasado mes de outubro foi a vista do recurso de casación ante o Tribunal Supremo e está previsto que en breve se emita a sentenza definitiva, que podería ratificar a anulación. De ser así, volverían a rexer no municipio as normas subsidiarias de 1981 para o casco urbano e as de 1984 para o medio rural. En canto aos trámites para a aprobación do novo plan, unha vez que a Xunta elabore o informe previo sobre o PXOM, remíteselle ao Concello para que realice as modificacións pertinentes e leve o documento ao pleno da corporación para a súa aprobación inicial. Unha vez ratificado o PXOM polo pleno, establécese un período de expos¡ción pública no que se poden presentar alegacións, pero no que tamén se deben realizar informes sectoriais ou remitir notificacións aos concellos colindantes, entre outros trámites.

Paralelamente, realízase o trámite de información ambiental. De ser superado, o PXOM mantén a memoria ambiental orixinal, pero de haber puntualizacións, deberán terse en conta e incluírse no documento. Despois de culminar ese proceso e da resolución de alegacións, o planeamento volve ao pleno para a súa aprobación provisional e finalmente, remítese por última vez á Xunta para a súa aprobación definitiva. Trátase dun proceso longo que o Goberno local espera axilizar na medida do posible, pero sempre ofrecendo as garantías legais e normativas oportunas.

Compartir: