Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto até o 27 de decembro o prazo de...

INFORMACIÓN E SOLICITUDES EN "AS LANDRAS"

Aberto até o 27 de decembro o prazo de inscrición para a segunda Escola Infantil municipal de Carballo

Martes 13 de decembro do 2011

A segunda Escola Infantil Municipal está situada na contorna da urbanización de Riotorto na estrada de Razo, nun edificio duns 700 metros cadrados nunha parcela de 2.500 metros cadrados. Terá capacidade para 102 prazas, completándose o servizo ofrecido por "As Landras", a escola xa en servizo e que conta con 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Os traballos foron realizados por unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, sendo un proxecto elaborado polo arquitecto José Villacé e seleccionado a través dun concurso de ideas. novo edificio distribúese en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, no que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións.

Cada unha das aulas conta co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior a través de amplas fiestras e portas acristaladas. Neste espazo exterior parcialmente axardinado téñense instalado xogos infantís, como mini tobogáns e balancíns. O edificio foi equipado, así mesmo, con dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que hai unha zona separada para berces e que teñen así mesmo pequenas bañeiras para facilitar a hixiene dos cativos e cativas. A edificación conta co seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. O Concello calcula que o mantemento da nova escola infantil suporá máis de 100.000 euros anuais de achega municipal, mentres que o custo actual para o mantemento das Landras achégase aos 89.000 euros. Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova a resolución do Consorcio e os datos sobre a documentación necesaria para a preinscrición, así como descargar a instancia de inscrición e o modelo de autorización necesario.

Compartir: