Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda nunha sesión extraordinaria...

A RÚA FÁBRICA CONTARÁ CON PRAZAS DE ESTACIONAMENTO EN BATERÍA

O pleno aborda nunha sesión extraordinaria a aprobación do contrato para a concesión de once novos postos do mercado

Venres 16 de decembro do 2011

Outro dos puntos da orde do día é a resolución de alegacións e aprobación definitiva da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora do servizo municipal de recollida de lixo e residuos sólidos urbanos. Despois da desestimación por parte do servizo de xestión e inspección tributaria e catastral do Concello da única alegación presentada, a ordenanza volve ao pleno para o visto bo definitivo. A modificación implica a suba da taxa de recollida de lixo, un incremento que xorde a raíz dun acordo entre os alcaldes dos tres partidos políticos que gobernan nos concellos de Bergantiños, manténdose os mesmos prezos en Carballo, A Laracha e Coristanco. A partir de agora o pago queda establecido en 61,37 euros ao ano para as vivendas do casco urbano e de 49,10 no rural. Por último, a orde do día do pleno inclúe a designación dos membros que forman parte dunha Comisión Informativa especial de investigación da presunta contratación irregular dunha persoa polo Concello de Carballo nos procesos de selección de auxiliares de axuda a domicilio celebrados dende o ano 2007. A comisión estará integrada por tres representantes do grupo municipal do BNG (Xose Regueira, Luís Lamas e Marcos Trigo; suplentes: Milagros Lantes, Belén Lendoiro e Mar Eirís), dous do PP (Alberto Sueiro e Juan Carlos Castro; suplentes: Aurelio Núñez Centeno e Miguel Ángel Ferreiro), un de TEGA (Manuel Andrade) e un do PSOE (José Antonio Viña).

Repintado da travesía de Malpica


Así mesmo, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, deron conta dunha xuntanza celebrada o xoves 15 de decembro entre os voceiros de todos os grupos municipais para debater a realización de modificacións no proxecto de mellora da travesía de Malpica. Finalmente, chegouse ao acordo de que se procedera a pintar prazas de estacionamento en batería na Rúa Fábrica naqueles lugares onde non sexa necesaria a realización de obra algunha, xa que o desenvolvemento de traballos podería prexudicar ás canalizacións existentes. No resto dos espazos manterase o aparcadoiro en liña. Así mesmo, na avenida de Malpica, no treito que transcorre entre a glorieta de Ponte da Pedra e ata a gasoliñeira, realizaranse modificacións no carril bici. Neste caso, as prazas de estacionamento pasarán a estar situadas a carón das beirarrúas, mentres que o carril bici pasará a estar situado á beira do carril de circulación de vehículos, ao contrario de como está situado nestes momentos. O Alcalde informou de que o Concello xa mantivo conversacións coa empresa responsable para que realicen estas modificacións tan pronto as condicións meteorolóxicas o permitan.

Compartir: