Inicio Carballo ao día Hemeroteca Teatro, maxia, monicreques, música,...

ENTRE O 17 DE DECEMBRO E O 7 DE XANEIRO

Teatro, maxia, monicreques, música, libros, exposicións e a Cabalgata de Reis: no Nadal Cultural carballés

Venres 16 de decembro do 2011

Volvendo á programación para os máis cativos e cativas, hai que mencionar a celebración de Obradoiros de Nadal, o xoves 22 e o venres 23 na Ludoteca Municipal, e que culminan o venres 30 cunha Chocolatada ás 19.30 horas, tamén na Ludoteca, para despedir o ano. Para asistir a esta última actividade é necesaria unha invitación previa. A Concellaría de Normalización Lingüística completa o programa coa celebración dun Obradoiro de nanas dirixido a nais e pais. Terá catro horas de duración, e desenvolverase o martes 20 e o mércores 21 de decembro, en horario de 17.00 a 19.00 horas no Pazo da Cultura. O Nadal Cultural tamén conta cunha exposición: "Caleidoscopio", unha mostra colectiva de escultura dos alumnos e alumnas da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Poderá visitarse no terceiro andar do Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas do 22 de decembro ao 25 de xaneiro. Así mesmo a Asociación Cultural Lumieira presenta o libro "Follas de Carballo", unha obra colectiva de relatos de autores de Carballo: Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Xurxo Chapela, Rosalía Fernández Rial, Farruco Graña, Henrique Mariño e Ignacio Silva. Está ilustrado por Alberto Varela Ferreiro. A cita é o xoves 29 ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. E hai que mencionar, así mesmo, a presenza do cine, a través dos documentais "As Encrobas" e "Areas nos ollos", que se proxectarán o mércores 4 de xaneiro no Pazo da Cultura e que contarán co faladoiro de Xosé Bocixa. Esta cita está organizada pola Asociación Xuvenil Proxectando.

Cabalgata de Reis e Nadal Pequespectacular

As dúas citas centrais do Nadal Cultural son a Cabalgata de Reis e o Nadal Pequespectacular. No segundo caso as funcións son entre o luns 26 e o venres 30 de decembro. O primeiro día Caramuxo Teatro presenta "Zapatos", para público de 1 a 4 anos. Debido ao seu aforo limitado, de 80 persoas, a cita repártese en dúas funcións, unha ás 17.30 e outra ás 18.30. O martes 27 tócalle á Compañía Tanxarina, con "Trogloditas", unha aposta polo humor con monicreques para maiores de 5 anos. Neste caso o aforo tamén é limitado a 250 persoas. O mércores 28 é a quenda de Talía Teatro que presentan "Carta urxente para Máximo Toxo", unha comedia infantil e acrobática para maiores de 4 anos. O xoves 29 a popular maxia é a protagonista do Nadal Pequespectacular con Cayetano Lledó, para nenos e nenas de máis de 4 anos. Por último, pecha o ciclo Sarabela Teatro con "Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas", para maiores de 6 anos. Todas as citas custan 2,5 € (2 € con desconto) excepto a do último día, con entradas de 3,5 e 2,5 €. Todas as funcións, excepto as do primeiro día, son ás 18.00 horas e contan coa colaboración da Agadic.

No caso da Cabalgata de Reis, como cada ano, non estará só na capital municipal, senón tamén nas parroquias cos itinerarios e horarios de anos anteriores. A do casco urbano é o xoves 5 de xaneiro con saída ás 17.30 horas do CCB-Haley e remata ás 20.00 horas, aproximadamente, na Praza do Concello. Conta co patrocinio de CCB-Haley, La Caixa, Automóbiles Gonzacar, Aquileres Reneymar e Ecoquad Galicia. Por último, hai que lembrar que, como cada ano, o Concello felicita o Nadal cun cartel e unha postal elixido a través dun concurso no que nesta edición participaron 13 centros de ensino do municipio é máis de 1.360 nenos e nenas. O 1º premio recaeu na Aula de 3 anos B, do CEIP Bergantiños, outorgándoselle un premio de 175 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma. Como 2º premio e cartel Nadal foi elixido o presentado por Noa Baldomir Rama, de 5 anos, da EEI Encrucilladas. Máis información sobre os premios, aquí.

Os interesados e interesadas tamén poden consultar nesta mesma nova o programa do Nadal Cultural ao completo, así como as imaxes gañadoras do cartel e postal de Nadal. Tamén é posible enviar unha postal de felicitación de Nadal por correo electrónico coa imaxe gañadora do concurso, premendo aquí.

Compartir: