Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Ministerio de Educación concede ao IES...

ÚNICO OUTORGADO EN GALICIA NO SEU ÁMBITO

O Ministerio de Educación concede ao IES Parga Pondal unha agrupación ARCE para desenvolver o seu proxecto de convivencia

Sábado 17 de decembro do 2011

Este proxecto vén a dar continuidade ao xa feito en temas de mediación e convivencia no IES Parga Pondal, sendo ademais un apoio e estímulo para o traballo nos anos vindeiros. O programa ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos) é unha iniciativa do Ministerio de Educación que se está a levar a cabo en todo o territorio español dende o ano 2006. Nesta edición supón unha achega económica para o IES Parga Pondal de 8.200 euros para desenvolver o proxecto, cun investimento total en toda España de 2.784.987 euros, segundo consta no BOE. O proxecto ten como finalidade establecer canles de colaboración para formar agrupacións e redes de centros ou institucións do ámbito educativo de diferentes comunidades autónomas, a través da elaboración dun proxecto común, co fin de compartir experiencias, así como manter e xeneralizar iniciativas de innovación que faciliten melloras na práctica educativa. Os eixos fundamentais do programa son dous principios básicos: a importancia da cooperación e colaboración de toda a comunidade educativa para conseguir unha educación de calidade, e os espazos de autonomía dos centros, que lles permiten adecuar as súas actuacións ás características do alumnado, ás circunstancias do centro ou aos desexos do profesorado, co obxectivo final de mellorar a calidade da educación.

A través deste programa de cooperación territorial poderase:

- Intercambiar experiencias
- Establecer un marco para o debate e a reflexión conxunta
- Favorecer a creación de vínculos e redes educativas
- Colaborar no desenvolvemento curricular
- Descubrir os elementos diferenciadores da diversidade cultural e social
- Elaborar e difundir materiais que poidan ser de aplicación en diferentes ámbitos educativos

Os interesados e interesadas poden consultar a resolución do BOE nesta mesma nova, así como descargar a guía ARCE 2011 e consultar información na páxina web do Ministerio de Educación.

Compartir: