Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Tribunal Supremo desestima o recurso de...

VOLVEN REXER AS NORMAS URBANÍSTICAS SUBSIDIARIAS DOS ANOS 80

O Tribunal Supremo desestima o recurso de casación presentado polo Concello e ratifica a anulación do PXOM de 2003

Martes 20 de decembro do 2011

Os técnicos municipais xa están traballando na elaboración dun informe para establecer as pautas de traballo e os pasos que se darán nos próximos días para adiantarse aos posibles problemas que poden derivarse da nova situación. Así, quedan por determinar os ámbitos no que se aplicará a suspensión de licenzas ou aqueles aspectos que poidan xerar discrepancias entre as normas subsidiarias e o PXOM que se está elaborando nestes momentos. En todo caso, está previsto celebrar o antes posible unha xuntanza da Comisión de Urbanismo para analizar os informes técnicos. Así mesmo, hai que mencionar que o desenvolvemento urbanístico que se ten realizado ao amparo do PXOM de 2003 ten consistencia xurídica. Por exemplo, a ampliación do Parque Empresarial de Bértoa non se verá afectada e os interesados e interesadas poderán solicitar as licenzas para levar as súas naves e desenvolver a súa actividade empresarial con toda normalidade. Porén, non se poderán conceder licenzas naqueles polígonos urbanos existentes no PXOM anulado que non estean clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias que recobran vixencia.

No que respecta ao ámbito do rural, as normas subsidiarias son algo máis restritivas que o planeamento de 2003, mentres que na zona costeira rexerán as normas de maior rango, como a Lei de Costas ou o POL (Plan de Ordenación do Litoral). O Goberno local tamén quere subliñar que nestes momentos apenas hai licenzas pendentes de concesión. Por último, hai que lembrar que a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, conta co documento previo á aprobación inicial do PXOM dende o pasado 5 de decembro, polo que antes de dous meses deberá emitir o informe previo e a partir de aí sucederánse os trámites de cara á aprobación dun novo planeamento. O Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, subliñan a necesidade de que Carballo conte cun planeamento o antes posible, acelerando o proceso todo o que o permitan os prazos estipulados, pero sempre respectando a legalidade, con todas as garantías e seguindo a normativa existente.

Compartir: