Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os traballos para a creación dunha praza...

DEBATE SOBRE NOVAS MODIFICACIÓNS PARA A TRAVESÍA DE MALPICA

Os traballos para a creación dunha praza pública en Sofán comezarán a primeiros de 2012

Venres 23 de decembro do 2011

Así mesmo, continúa en obras o proxecto para a construción dunha Biblioteca Municipal na contorna da rúa Bos Aires da capital municipal. A empresa que realiza os traballos é Ogmios, o prazo de execución remata a finais de 2012 e o orzamento de adxudicación foi de 1.199.588 euros. Están a piques de rematar os traballos para crear unha rede de abastecemento en Bas, parroquia de Goiáns, e unha rede de saneamento en San Lois, parroquia de Ardaña, proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) de 2011 e no POS adicional de 2010. Realizouse así mesmo a reposición de camiños nas parroquias do municipio co arranxo do firme, e remataron as actuacións de mellora da capa de rodadura en Xoane-Goiáns e no Añón de Berdillo. Por último, está a piques de comezar a mellora do servizo de augas residuais da Brea. No que vai de 2011 téñense realizado un total de 17 proxectos de obra, ademais das melloras realizadas pola Brigada que detallará Luís Lamas no pleno. Está previsto que o Concelleiro de Obras realice este informe sempre a final de cada trimestre do ano.

Outro dos asuntos da orde do día do pleno é unha moción presentada polo grupo municipal de TEGA en relación co carril bici da travesía de Malpica. Hai que lembrar que nunha reunión celebrada o pasado 15 de decembro houbo un acordo maioritario dos grupos da corporación para a realización de modificacións no proxecto de mellora, como pintar prazas de estacionamento en batería na Rúa Fábrica naqueles lugares onde non sexa necesaria a realización de obra algunha, ou modificar o carril bici no treito que transcorre entre a glorieta de Ponte da Pedra e ata a gasolineira. Neste último caso, as prazas de estacionamento pasarán a estar situadas a carón das beirarrúas, mentres que o carril bici pasará a estar situado á beira do carril de circulación de vehículos, ao contrario de como está situado nestes momentos. Porén, TEGA considera que deben realizarse máis modificacións e que debe de haber un acordo firme do pleno, polo que leva o asunto ao debate da corporación a través dunha moción. Así mesmo, a sesión supón a dación de conta do trámite administrativo para modificar a designación dos suplentes do grupo municipal do PP nas comisións informativas.

Compartir: