Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os trogloditas de Tanxarina e o escritor...

MARTES 27 E MÉRCORES 28 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

Os trogloditas de Tanxarina e o escritor Máximo Toxo de Talía únense na programación do Nadal Pequespectacular

Luns 26 de decembro do 2011

O mércores 28 é a quenda de recibir unha vez máis en Carballo á compañía de Cee Talía Teatro, neste caso cunha proposta dirixida a cativos e cativas: "Carta urxente para Máximo Toxo". Máximo Toxo é un gran escritor, aínda que pouco coñecido. Vive pechado na súa casa, buscando acadar a obra perfecta, o libro polo que será recordado eternamente (e que lle permitirá pagar as súas débedas). O seu carácter rosmón e antipático, e a súa alerxia ao contacto con outras persoas, fan del un verdadeiro ogro, alleo a todo o que acontece máis alá da súa vivenda. Por outro lado está Belinda, que traballa como carteira, aínda que con ansias de progresar. É unha muller alegre e chea de vitalidade, algo inxenua (máis ben un pouco parva), e sempre confía na xente que a rodea. Aínda que Belinda reparte o correo pola veciñanza de Máximo Toxo, nunca tivo ocasión de coñecelo, ata hoxe. O xefe de Correos fíxolle un encargo a Belinda: entregarlle ao señor Toxo unha carta importantísima en persoa. Que pasará cando tales personaxes se atopen? Comedia infantil e acrobática para ver en familia, chea de saltos, golpes, viravoltas, gritos, parvadas e trangalladas, que fai unha reflexión sobre a soidade e os seus perigos. A cita é a partires das 18.00 horas e o prezo é de 2,5 € (2 € con desconto).

Hai que lembrar que o Nadal Pequespectacular aínda continúa o xoves e o venres. O xoves 29 o público poderá desfrutar da maxia a cargo do Mago Cayetano Lledó. Espectáculo cheo de moito humor, de malabarismos imposibles, de mentalismo sorprendente ou de divertidos números de clown. Este espectáculo está destinado para público a partir de 4 anos. E para finalizar esta programación infantil teremos o venres 30 de decembro á compañía Sarabela que presenta "Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas". Unha obra de teatro que conta a sorprendente historia da vida do neno Konrad, que chegou á casa da súa nai nunha lata de conservas e atopa a unha nai recén estrenada, pouco disciplinada e atípica que axuda a poñer de manifesto as contradiccións e a hipocrisía da contorna social. Este espectáculo está destinado para público a partir de 6 anos. A reserva e entradas do Nadal Pequespectacular pode realizarse nas oficinas de Cultura do Pazo da Cultura, a partires do martes 20, entre as 11.00 e as 13.30 horas. Os interesados e interesadas en descargar o programa do Nadal Cultural 2011 ao completo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: