Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nace o libro "Follas de Carballo", unha...

PRESENTACIÓN: XOVES 29 DE DECEMBRO ÁS 20.30 HORAS

Nace o libro "Follas de Carballo", unha obra colectiva que compila relatos de autores e autoras da vila

Mércores 28 de decembro do 2011

Os personaxes de moitas das aventuras móvense por Carballo, Malpica, Razo, Baldaio ou Caión, entre outras localidades tan características e definidoras do ser e da esencia bergantiñáns. É a lingua, de todos os xeitos, a que marca a galeguidade dos textos compilados neste volume e a que os insire nun sistema literario galego cada vez máis consolidado e firme, ao cal viñeron contribuíndo de forma destacada os escritores bergantiñáns e hoxe contribúen de xeito singular os autores e a autora destes relatos. Respecto deles, dos creadores, Xurxo Borrazás é un dos autores máis destacados da narrativa galega actual. Ademais da súa recoñecida obra narrativa tamén cómpre destacar o seu papel como tradutor, como articulista na prensa e como crítico. Fernando Cabeza Quiles naceu en Ponferrada, mais, cos anos que leva en Carballo, é xa galego bergantiñán. Filólogo e mestre, é un dos máximos coñecedores da toponimia galega. Publicou varios libros de relatos, tanto dirixidos a adultos como a nenos/as e participou en varias antoloxías poéticas. Xurxo Chapela estudou xornalismo, segundo el, "nunha decisión moi pouco atinada". Na actualidade traballa no Diario de Bergantiños. No ámbito narrativo obtivo accésit no Premio Ourense de Contos nos anos 1998 e 1999. Proximamente publicará o libro de poemas "Primavera de navallas".

Rosalía Fernández Rial é, ao mesmo tempo, carballesa e muxiá. Licenciouse en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou e toca o acordeón, fai teatro afeccionado e, sobre todo, escribe. Como poeta, ten publicados dous suxestivos e coidados libros, "En clave de sol" (2009) e "Átonos" (2011). Farruco Graña é profesor de Filosofía en Tapia de Casarego (Asturias). Como narrador publicou a novela "O bosque de Nadgor" (2007) e participou en diversas obras colectivas. Ten desenvolvido, ademais, un intenso labor como articulista. Henrique Mariño é un xornalista que naceu en Carballo en 1975 e traballou, entre outros medios, nos xornais La Voz de Galicia, El Mundo ou Público, onde escribe o blog "Solución Salina". Ignacio Silva é un carballés licenciado en Dereito e que ten recibido numerosos premios polo seu labor narrativo. En 2011 publicou o seu primeiro libro, "Cara B" (Xerais). Alberto Varela Ferreiro é o ilustrador da obra. Xa desde novo foi un afeccionado ao debuxo, polo que participou en revistas na escola Fogar e no IES Alfredo Brañas. É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, e especialista en deseño, actividade na que traballa acotío no ámbito audiovisual e tamén en libros para nenos/as.

Compartir: