Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra o Día do Patín...

VENRES 30 DE DECEMBRO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS ÁS 18.00 HORAS

Carballo celebra o Día do Patín Solidario recollendo alimentos para os máis necesitados

Xoves 29 de decembro do 2011

Respecto dos encontros, a organización subliña que se escolleron fundamentalmente enfrontamentos entre os máis cativos das escolas, xa que son os equipos que adoitan atraer a un maior número de público. Tamén hai un encontro de grande atractivo en categoría senior entre o Escola Lubiáns e o Club Patín Cerceda, que xoga en 1ª División Nacional e quixo colaborar con esta iniciativa solidaria. Son un total de catro partidos: as escolas xogarán unha pachanga entre todos os compoñentes; as categorías de prebenxamín e benxamín formarán un equipo por categoría que se enfrontará co Club de Hoquei Compostela; e por último e como colofón do evento será o enfrontamento da categoría senior. Jesús Cancela, secretario de Escola Lubiáns, explica que a idea deste día solidario naceu de xeito espontáneo e que foi tomando forma coa arela de "achegar o noso gran de area porque hai xente que está bastante peor ca nós". O director de Cáritas de Bergantiños, Francisco Suárez, subliña que "tristemente hai moita xente en perigo de exclusión social" e nestes momentos incluso "máis necesidade" de organizar iniciativas coma esta.

O Día do Patín Solidario foi presentado nunha rolda de prensa na que estiveron, ademais de representantes do Club Escola Lubiáns e de Cáritas, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e o Concelleiro de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Daniel Pérez. O Alcalde desexou que, ademais de desfrutar da cita deportiva, a xente colabore porque "o bonito nestes momentos é a oportunidade de ser solidario e o difícil é pasar por elas". Os interesados e interesadas en entregar os alimentos no Pavillón Carballo Calero poden facelo a partires das 17.30 horas aproximadamente, e até as 21.00 horas en que está previsto que rematen os partidos. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da iniciativa nesta mesma nova.

Compartir: