Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Brigada de Medio Ambiente recolle 40 residuos...

RETIRADOS CATRO NOVOS VERTEDOIROS INCONTROLADOS

A Brigada de Medio Ambiente recolle 40 residuos voluminosos en xaneiro a través do Punto Limpo Móbil

Martes 10 de xaneiro do 2012

Así mesmo, nos últimos días a Brigada de Medio Ambiente ten eliminado catro vertedoiros incontrolados atopados en diversos puntos do territorio municipal: un no Cótaro (Entrecruces -na imaxe), outro en Pardiñas (Razo), un no Monte da Xesta (Sísamo) e outro en Santa María (Ardaña). Os vertedoiros incontrolados son residuos abandonados en plena natureza e que deberían ter sido depositados ou no Punto Limpo; ou nos dous Minipuntolimpos para a recollida selectiva situados na Praza do Concello e na Rúa Fomento da capital municipal; ou ben nos colectores axeitados.

Hai que lembrar que no Punto Limpo de Carballo poden depositarse os residuos perigosos do fogar, como o aceite de cociña usado, os electrodomésticos, voluminosos ou calquera outro tipo de lixo, agás a materia orgánica. Ademais, existen colectores específicos para mobles vellos, electrodomésticos, enseres domésticos, roupa, pneumáticos, radiografías ou cascallos procedentes de pequenas obras. En resumo, as instalacións funcionan como lugar de recollida de todos aqueles obxectos ou materiais non orgánicos que a cidadanía non sabe onde depositar. A maioría dos residuos depositados no Punto Limpo non son considerados lixo, ao poder ser reutilizados para novas funcións. Os materiais non aptos para a reciclaxe son enviados a plantas de tratamento especializadas. O Concello solicita a colaboración dos veciños e veciñas en todas as iniciativas de Carballo Limpo e agradece de antemán a axuda dos carballeses e carballesas para que sexa posible o desenvolvemento deste programa.

Compartir: