Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo ten rexistrado 1.500 actas...

EN 2011 A OFICINA TÉCNICA LEVANTOU UN TOTAL DE 76

O Concello de Carballo ten rexistrado 1.500 actas de inspección urbanística dende o ano 1989

Mércores 11 de xaneiro do 2012

O réxime de inspección rutinaria é diario e de aproximadamente tres horas de duración cubríndose as 18 parroquias do territorio. Inspecciónase tanto o casco urbano de Carballo como as travesías principais, os núcleos rurais e as zonas de especial protección, como o litoral de Razo e Baldaio. Revísanse tanto as obras maiores e menores, como as ocupacións de vías con valados e con andamios, os acondicionamentos de locais, etc. O inspector urbanístico leva un control das licenzas urbanísticas outorgadas e das solicitudes de licenza, levanta acta das inspeccións realizadas, leva o control nunha base de datos e un arquivo de expedientes. Como resultado das visitas rutinarias elabórase un parte de incidencias. O informe de inspección elabórase dentro das 24 horas seguintes á acta e inclúe un plano de situación e fotografías. Para cumprir co obxectivo de axudar a previr infraccións, nas obras que determinan os técnicos municipais lévanse a cabo varias inspeccións durante a fase de construcción. Unha vez detectada unha obra sen licenza ou que non se axusta ás condicións sinaladas durante o seu curso de execución, disponse a suspensión inmediata das obras e a adopción das medidas cautelares procedentes

Ademais do servizo municipal, hai que subliñar tamén a colaboración nos labores de inspección doutros organismos supramunicipais, como a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Demarcación de Costas, o Seprona, etc., que complementan as inspeccións do Concello. Ademais das actas levantadas con motivo das inspeccións rutinarias, hai que subliñar que calquera veciño ou veciña pode solicitar información ou presentar unha denuncia, ben por escrito a través do Rexistro municipal, por teléfono, por correo electrónico ou en persoa na Oficina Técnica Municipal situada no primeiro andar da Casa do Concello. Os interesados e interesadas tamén poden descargar o formulario tipo de denuncia de infracción urbanística nesta mesma nova.

Compartir: