Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha vintena de espectáculos e actividades...

ENTRE O 22 DE XANEIRO E O 30 DE ABRIL

Unha vintena de espectáculos e actividades de música, arte, fotografía ou teatro conforman os Venres Culturais 2012

Venres 13 de xaneiro do 2012

Pero os Venres Culturais tamén teñen un amplo espazo para o público adulto, con especial importancia do teatro, con cinco citas de compañías galegas repartidas entre xaneiro e marzo. Principia Cándido Pazó o 27 de xaneiro con "Memorias das memorias dun neno labrego", unha homenaxe emotiva e divertida ao célebre libro de Neira Vilas que cumpre 50 anos. O venres 10 de febreiro Teatro do Noroeste presenta "Último cowboy". Nela, un solitario home maior, convalecente dun infarto, vese obrigado polos seus fillos a aceptar na súa casa a unha muller que o coide. O 2 de marzo Lagarta Lagarta propón "Unha hora na vida de Stefan Zweig", inspirada nas vivencias do famoso escritor austríaco. O sábado 17 de marzo o Grupo Chévere presenta "Citizen total", unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega que creou un imperio económico dende a periferia a partires da marca Zara. E a última función de teatro dos Venres Culturais é o 30 de marzo con Teatro do Atlántico e "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)", na que unha estudante de arte dramático visita a tres veteranas actrices que na xuventude foran discípulas de Encarna Ribera. Para estes cinco espectáculos teatrais pode adquirirse un bono de 13 € (de 10 € co prezo especial reducido para estudantes con carné, maiores de 65 anos e menores de 12).

Concertos, arte e fotografía


A música é outra das liñas mestras dos Venres Culturais, con catro citas que se reparten en 3 concertos e un documental musical. Os sons comezan o venres 3 de febreiro coa primeira parte de Rockcarballo, un concerto que volve ao Pazo da Cultura da man dos grupos máis representativos do panorama musical carballés: The Cerne, Falso Jocker, Versión imposible e Tinperís. O venres 9 de marzo chega Roger de Flor, con dúas propostas. A primeira é un documental titulado "Naturalidade Silvestre", na que se afonda nas motivacións deste creador bohemio, autodidacta e independente. Despois do documental Roger de Flor & Silvestres presentan en concerto o disco "El mundo está loco, loco, loco..." doce cancións cheas de swing, pop ou rock. As citas musicais péchaas a segunda parte do Rockcarballo, neste caso o venres 23 de marzo con Killer Cats, Lowcos, Snots e Refugio. Todas as citas musicais son de balde excepto o concerto de Roger de Flor & Silvestres que custa 3 € (2 € con desconto).

Por último, os Venres Culturais complétanse con catro exposicións que poderán visitarse até o 30 de abril nas diferentes dependencias do Pazo da Cultura. A primeira delas é "Calidoscopio", unha mostra formada polos traballos realizados nos últimos dous anos polos alumnos e alumnas da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. A cita é no 3º andar (baixocuberta) do Pazo da Cultura até o 23 de xaneiro. Entre o 26 de xaneiro e o 26 de febreiro será a quenda de "Comarca natural de Bergantiños", no andar -1 do Pazo, unha selección de imaxes do concurso fotográfico Comarca Natural de Bergantiños. Do 9 de febreiro ao 9 de marzo o pintor e deseñador gráfico Alberto Gende presenta no 3º andar (baixocuberta) do Pazo da Cultura "Pinturas ocultas #", que xorden da reflexión do artista sobre o proceso creativo. E, por último, os Venres Culturais péchanse coa mostra formada por unha escolma das obras que se presentan ao XIV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que poderán verse do 22 de marzo ao 30 de abril no 3º andar do Pazo. O horario habitual de visita das exposicións é de 18.00 a 21.00 horas.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, queren subliñar a contía dos prezos, "case simbólicos" e o esforzo feito para manter esta completa programación cultural nos tempos que corren. Tamén agradecen a colaboración da Agadic sen a que sería imposible contar con moitos dos espectáculos dos Venres Culturais. Os interesados e interesadas poden obter máis información no 981 704 300 ou ben descargando o programa de actividades dos Venres Culturais ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova, onde, así mesmo, poden obter máis datos sobre a venda de entradas.

Compartir: