Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os voceiros dos grupos municipais estudan a...

PRÓXIMA XUNTANZA: O MARTES 31 DE XANEIRO

Os voceiros dos grupos municipais estudan a documentación que rexerá a concesión do servizo de recollida de lixo

Xoves 19 de xaneiro do 2012

Segundo expón José Antonio González Ferreira, a documentación propón un "enfoque novo" na xestión do lixo, baseado na redución e reciclaxe dos residuos sempre tendo en conta a nova normativa; e tamén, no caso da Canceira Municipal, na protección dos animais favorecendo políticas de adopción. O contrato coa empresa Rexer, responsable do servizo de recollida de lixo, expirou o 31 de decembro de 2011, polo que nestes momentos está prorrogado. A nova contratación recolle un orzamento base de licitación anual de arredor de 1,3 millóns de euros e un prazo de 16 anos, prorrogables en dous, para a concesión. O obxectivo do goberno é tentar reducir custos, xa que nestes momentos o servizo é deficitario en 400.000 euros; e mellorar a eficiencia do servizo, incluíndo no contrato a xestión do Punto Limpo e da Canceira Municipal, que até o de agora estaban sendo levados por Aspaber e pola Brigada de Obras, respectivamente.

Hai que lembrar que co obxectivo de reducir o déficit do servizo de recollida e tratamento de lixo, en outubro de 2011 recibiu luz verde no pleno a adaptación da taxa de lixo a un pago de 61,37 euros ao ano para as vivendas do casco urbano e de 49,10 no rural a partires de xaneiro de 2012. Estudos de técnicos municipais indican que para que o servizo non fora deficitario, a taxa anual debería manter unha media de 125 euros por habitante ao ano, aínda que esta cifra considerouse no seu momento demasiado elevada. Porén, o incremento suporá uns 130.000 euros máis na recadación, unha achega que, aínda que non permitirá cubrir os gastos derivados do servizo, mellorará as contas. A proposta para a suba da taxa de recollida de lixo xurdiu tras un acordo adoptado por todos os grupos políticos de Bergantiños nunha xuntanza entre os sete alcaldes da comarca para tratar de unificar os prezos das ordenanzas de servizos públicos.

Compartir: