Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cándido Pazo abre o ciclo de teatro dos...

VENRES 27 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

Cándido Pazo abre o ciclo de teatro dos Venres Culturais con "Memorias das memorias dun neno labrego"

Luns 23 de xaneiro do 2012

Cándido Pazó comeza a súa actividade en 1975 como actor de teatro, traballando nas Mostras de Rivadavia. Actúa con compañías teatrais de Vigo até 1983, despois con outras compañías de Galicia e co Centro Dramático Galego. En 1989 debuta como director coa obra "El mirlo blanco". Desde entón é asíduo da escena galega, participando en varios foros sobre teatro, e imparte seminarios e cursos de interpretación. Desde finais dos 90 tamén ten participado como guionista en series de ficción para a TVG como "A familia Pita", "Pratos Combinados" ou "Mareas vivas" e dedícase tamén á narración oral, actividade emerxente hoxe en día e pola que se sente especialmente seducido, estando presente en numerosos festivais e programacións de Europa e América Latina. Ten sido distinguido polo Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo co premio Xograr de Outono, polo seu compromiso co teatro.

Respecto de "Memorias dun neno labrego", segundo o seu autor, Neira Vilas, foi escrito no segundo semestre de 1960. Nel pretendía contar como era o estilo de vida nos anos corenta dun rapaz labrego de doce ou trece anos nunha aldea galega, concretamente da comarca de Deza, na aldea de Gres, en Vila de Cruces. Malia non tratarse dun texto autobiográfico, parte dun escenario e mais dunha época concreta. O libro tivo como primeiro lector a Rafael Dieste. Deseguido, Luís Seoane amousou o seu interese pola obra e fixo un debuxo para a cuberta da primeira edición. O libro foi moi ben acollido na diáspora galega e enviáronse a Galiza algúns centos de exemplares que foron divulgados e así mesmo tamén gozaron dunha boa acollida. Hoxe é o libro máis lido da literatura galega e está traducido a algunhas das linguas máis faladas (alemán, chinés, portugués, español, ruso, italiano, checo, inglés, francés, etc.). Así comeza a novela: "Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre".

Os interesados e interesadas en consultar o programa dos Venres Culturais ou en obter máis información sobre a venda de entradas, poden descargar un documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: