Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Conselleira de Traballo e Benestar inaugura o...

A XUNTA LICITA O EQUIPAMENTO PARA A NOVA ESCOLA INFANTIL

A Conselleira de Traballo e Benestar inaugura o centro de día carballés, que xa conta con 14 usuarios e usuarias

Martes 24 de xaneiro do 2012

Segundo a Consellería de Benestar, o custo anual total que se dedicará para o mantemento deste servizo é de preto de medio millón de euros. Mato subliñou durante a visita que nas novas infraestruturas ofrécese unha atención "de calidade orientada a preservar a autonomía persoal dos seus usuarios durante o máximo tempo e no máximo grao posible". Resalta que o Goberno galego creou no que vai de lexislatura un total de 775 prazas en centros de día en toda Galicia e que o obxectivo é rematar a lexislatura con 2.400 prazas grazas á posta en marcha dunhas 700 en 2012. O obxectivo destas medidas sería non só garantir a calidade da atención para as persoas maiores, senón tamén contribuír á creación de novos postos de traballo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a súa vontade de manter a "lealdade institucional" para seguir poñendo en marcha novos proxectos que beneficien á cidadanía e que "os servizos se ofrezan coa mellor calidade posible", mantendo o obxectivo de que "Carballo sexa un punto de encontro do seu ámbito territorial", tanto na comarca de Bergantiños coma na Costa da Morte. Ferrero exerceu de anfitrión da visita acompañado de numerosos membros de todos os grupos da corporación local.

Escola Infantil

O encontro tamén serviu para falar doutros proxectos que a Consellería de Traballo e Benestar ten pendentes en Carballo, como a posta en funcionamento da Escola Infantil A Braña -"pola que o Alcalde tanto loitou", segundo Mato- prevista para o primeiro trimestre do ano. Hoxe mesmo saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación para o equipamento das instalacións por un importe que supera os 97.600 euros. O Goberno galego afirma que investirá 650.000 ao ano no mantemento das escolas infantís de Carballo, mentres que a Administración local calcula que colaborará no financiamento con arredor de 200.000 euros. Por último, outra das actuacións en materia de Traballo e Benestar na vila é o proxecto Fórum Carballo, que conta cun recinto de cinco naves no barrio da Milagrosa. Mato comprometeuse a estudar a oferta do Concello de trasladar a estas instalacións a Oficina de Emprego, xa que é necesario "darlle contido" ao novo servizo tendo en conta "a colaboración de todas as institucións". Neste sentido, A conselleira avanzou que o Alcalde, Evencio Ferrero, mantén o mércores 25 de xaneiro unha entrevista coa delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, para ver "en qué condicións pode participar a Xunta no Fórum".

Compartir: