Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rematados os trámites para pechar o...

CONVOCARASE UNHA NOVA XUNTANZA DA COMISIÓN DE URBANISMO

Rematados os trámites para pechar o informe que rexerá os criterios urbanísticos xerais no municipio trala anulación do PXOM

Martes 24 de xaneiro do 2012

Ese informe xa ten sido valorado tanto polos técnicos municipais, como pola Xunta como por un informe xurídico externo, polo que o obxectivo agora é convocar unha nova sesión da Comisión de Urbanismo e que o informe sexa finalmente ratificado mediante acordo plenario. Hai que lembrar que o 19 de decembro de 2011 fíxose pública unha sentenza do Tribunal Supremo na que desestimou o recurso de casación presentado polo Concello de Carballo contra a sentenza emitida en 2007 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) referente ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado en 2003. Naquel momento o TSXG resolvera a anulación do planeamento, unha anulación que vén de ratificar agora o Supremo, que resolve que a sentenza do TSXG "non incorre en incongruencia algunha e está debidamente motivada", polo tanto determina que "existe un defecto procedimental que acarrea a nulidade do Plan Xeral de Ordenación Urbana".

Coa ratificación da anulación volven rexer no municipio carballés as normas subsidiarias aprobadas nos anos 80, aplicándose no casco urbano as de 1980 e no resto do termo municipal as de 1984. Desde o momento da anulación os técnicos municipais comezaron a traballar na elaboración dun informe para establecer as pautas de traballo e os pasos para adiantarse aos posibles problemas que poden derivarse da nova situación. Este informe vén de contrastarse coa Xunta polo que está agora a piques de rematarse, e con el determinaranse, entre outros criterios, normas xerais para establecer os ámbitos no que se aplicará a suspensión de licenzas ou aclarar aqueles aspectos que poidan xerar discrepancias entre as normas subsidiarias e o PXOM que se está elaborando nestes momentos. Unha das situacións que pode darse é que non se concedan licenzas naqueles polígonos urbanos existentes no PXOM anulado que non estean clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias que recobran vixencia.

Compartir: