Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Feirón de Inverno ofrece un Obradoiro de...

DOMINGO 29 DE XANEIRO ENTRE AS 10.00 E AS 13.00 HORAS

O Feirón de Inverno ofrece un Obradoiro de Alimentación Saudable para público infantil centrado na dieta atlántica

Mércores 25 de xaneiro do 2012

A través da celebración deste Obradoiro de Alimentación Saudable búscase analizar os costumes dos cativos e cativas co fin de modificar as prácticas prexudiciais e reforzar as saudables, e que os rapaces e rapazas adquiran información de como debe ser unha alimentación correcta, e a repercusión positiva que ten na saúde. Os feiróns son unha singularidade do mercado tradicional carballés e, aínda que a súa distribución varía segundo o ano, repártense cunha periodicidade trimestral, o que permite unha programación estacional e, xa que logo, a posta en valor dos mellores produtos de tempada. Nas feiras de Carballo sobresae a presenza de produtos frescos da horta de Bergantiños, uns elementos que gozan de recoñecido prestixio entre os consumidores, pero tamén cabe subliñar a estacionalidade de determinados produtos segundo a época do ano en función das colleitas, as propiedades culinarias segundo o tempo de consumo, a demanda e un longo etcétera. Dende o Concello de Carballo preténdese que a opinión pública asocie a idea do mercado e a feira á calidade e aos produtos de confianza. Téntase, así mesmo, favorecer a interacción do comerciante co cliente como un elemento activo na consecución deste obxectivo.

Compartir: