Inicio Carballo ao día Hemeroteca A aprobación das condicións que...

O PREGO INCIDE NA REDUCIÓN E NA RECICLAXE DOS RESIDUOS

A aprobación das condicións que rexerán a concesión do servizo de recollida de lixo debaterase no pleno de febreiro

Martes 31 de xaneiro do 2012

Segundo expón José Antonio González Ferreira, a documentación propón un "enfoque novo" na xestión do lixo, baseado na redución e reciclaxe dos residuos sempre tendo en conta a nova normativa; e tamén, no caso da Canceira Municipal, na protección dos animais favorecendo políticas de adopción. O contrato coa empresa Rexer, responsable do servizo de recollida de lixo, expirou o 31 de decembro de 2011, polo que nestes momentos está prorrogado. A nova contratación recolle un orzamento base de licitación anual de arredor de 1,3 millóns de euros e un prazo de 16 anos, prorrogables en dous, para a concesión. O obxectivo do goberno é tentar reducir custos, xa que nestes momentos o servizo é deficitario en 400.000 euros; e mellorar a eficiencia do servizo, incluíndo no contrato a xestión do Punto Limpo e da Canceira Municipal, que até o de agora estaban sendo levados por Aspaber e pola Brigada de Obras, respectivamente. Hai que lembrar que co obxectivo de reducir o déficit do servizo de recollida e tratamento de lixo, en outubro de 2011 recibiu luz verde no pleno a adaptación da taxa de lixo a un pago de 61,37 euros ao ano para as vivendas do casco urbano e de 49,10 no rural a partires de xaneiro de 2012.

Compartir: