Inicio Carballo ao día Hemeroteca Convocado o VIII Premio a Artigos...

O MUNICIPIO PARTICIPA NO CLUB DE DEBATE 2012

Convocado o VIII Premio a Artigos Xornalísticos normalizadores Concello de Carballo: inscricións até o 9 de abril

Martes 7 de febreiro do 2012

O Concello de Carballo convoca dende 2005 o Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores cos obxectivos de incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o noso idioma e promover o uso do galego na prensa escrita. Nesta edición son 11 os medios colaboradores, tanto en papel como dixitais, e algúns de ámbito comarcal ou de incidencia directa na comarca, como A Nosa Costa, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, La Opinión da Coruña, a edición Carballo de La Voz de Galicia ou Que pasa na Costa, e outros medios en galego e de ámbito galego, como De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Tempos Novos, o diario dixital que acaba de nacer Praza Pública e o dixital e semanario en papel que nacerá nas próximas semanas Sermos Galiza. Os artigos presentados ao premio deberán ser inéditos, ter entre 2.000 e 3.500 caracteres e neles deberase tratar algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co argumentario a prol do uso do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a normalización lingüística, etc. O prazo de presentación está aberto até o 9 de abril.

O Club de Debate é unha actividade para favorecer o emprego da lingua galega na mocidade. É unha cuta que xa se viña desenvolvendo por separado nos últimos anos nos concellos de Pontevedra e da Coruña, mais que este ano se desenvolve conxuntamente entre 13 concellos: Ames, Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña, Ferrol, Oleiros, As Pontes, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo. Neste certame de debate poden participar equipos mixtos de catro a dez membros de 3.º e 4.º de ESO, 1.º de Bacharelato ou ciclos formativos de, como máximo, 18 anos, dos concellos organizadores. Os equipos participantes enfrontaranse nunha fase comarcal ou de zona, que, no noso caso, terá lugar o 12 de abril na Coruña, e o equipo gañador desta fase competirá na fase nacional cos outros equipos gañadores da distintas comarcas, que terá lugar o 28 de abril en Pontevedra. O equipo gañador da fase comarcal, ademais de pasar á fase nacional, terá un premio dun vale en 500 euros en produtos culturais galegos. O equipo gañador da fase galega terá un premio dunha viaxe cultural para un máximo de 25 persoas. Os equipos participantes poden anotarse no Servizo de Normalización Lingüística até o 24 de febreiro.

Liña do galego

Por último, a Liña do Galego consiste na difusión dun número de teléfono e dun enderezo electrónico para atender temas relacionados cos dereitos lingüísticos da cidadanía. Poden realizarse consultas para saber máis sobre os dereitos lingüísticos como, por exemplo: pedir información sobre como galeguizar o nome ou sobre se determinada documentación se pode enviar en galego dirixida á administración do Estado. Poden formalizarse queixas. E incluso poden darse parabéns para, por exemplo, felicitar a empresas que usan o galego, que fan publicidade en galego, etc. A Liña do Galego é un servizo da Mesa pola Normalización Lingüística que se ofrece a través do teléfono 902 106 474 e do enderezo electrónico linhadogalego@amesanl.org. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, quixeron subliñar a importancia de que se desenvolvan estas iniciativas para contribuír "a que a xente preciba a normalidade do idioma", en verbas de Ferrero, que subliñou o éxito do Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, que cada ano conta cunha elevada participación e que xa conta con importantes nomes entre os premiados, recoñecidos e admirados pola súa calidade literaria.


Os interesados e interesadas poden descargar as bases do VIII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores e do Club de Debate en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: