Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello recibe o informe previo do novo PXOM...

OS TÉCNICOS XA TRABALLAN NA ADAPTACIÓN DO PLANEAMENTO

O Concello recibe o informe previo do novo PXOM por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Martes 7 de febreiro do 2012

Nestes momentos, Carballo está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM, xa que o 19 de decembro de 2011 fíxose pública unha sentenza do Tribunal Supremo na que se desestimou o recurso de casación presentado polo Concello contra a sentenza emitida en 2007 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) referente ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado en 2003. Naquel momento o TSXG resolvera a anulación do planeamento, unha anulación que vén de ratificar agora o Supremo. Coa ratificación da anulación volven rexer no municipio carballés as normas subsidiarias aprobadas nos anos 80, aplicándose no casco urbano as de 1980 e no resto do termo municipal as de 1984. Desde o momento da anulación os técnicos municipais comezaron a traballar na elaboración dun informe para establecer as pautas de traballo e os pasos para adiantarse aos posibles problemas que poden derivarse da nova situación. Así, e segundo adianta o Alcalde, está previsto aprobar no pleno do mes de febreiro este informe no que se definirán os criterios xerais para a aplicación das normas subsidiarias no ámbito municipal e poder así regular a concesión de licenzas, as zonas de suspensión de licenzas, etc. tanto no medio urbano, como rural ou costeiro.

Ao mesmo tempo, trabállase no novo PXOM. O Concello xa está realizando as modificacións necesarias na documentación do planeamento seguindo as directrices da Xunta de Galicia para poder levar canto antes o PXOM ao pleno da corporación para a súa aprobación inicial. Unha vez ratificado o documento polo pleno, establécese un período de expos¡ción pública no que se poden presentar alegacións, pero no que tamén se deben realizar informes sectoriais ou remitir notificacións aos concellos colindantes, entre outros trámites. Paralelamente, realízase o trámite de información ambiental. De ser superado, o PXOM mantén a memoria ambiental orixinal, pero de haber puntualizacións, deberán terse en conta e incluírse no documento. Despois de culminar ese proceso e da resolución de alegacións, o planeamento volve ao pleno para a súa aprobación provisional e finalmente, remítese por última vez á Xunta para a súa aprobación definitiva. Trátase dun proceso longo que o Goberno local espera axilizar na medida do posible.

Compartir: