Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo reparte preto de 7.000 euros entre...

ENTRE O 17 E O 25 DE FEBREIRO

Carballo reparte preto de 7.000 euros entre premios e subvencións durante as Festas de Antroido 2012

Venres 10 de febreiro do 2012

No caso do Enterro da Sardiña, o prazo de inscrición tamén é até o 17 de febreiro, ou o propio 21 de febreiro antes do inicio da actividade de 20.00 a 21.00h na Casa do Concello. O programa complétase con charangas, animación de rúa, obradoiros infantís e os diferentes bailes de disfraces que organizan as distintas asociacións do municipio, ás que o Concello agradece a súa colaboración. Cada ano, ademais, o Concurso de disfraces conta coa animación dun presentador especial, que desta volta é o humorista e actor galego de teatro e televisión José Manuel Rodríguez Puente, máis coñecido como Isi. O público está familiarizado con este artista polos seus traballos en televisión, especialmente na TVG en programas como Land Róber, Lúar, Supermartes ou Tourilandia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que o Antroido é unha das festas máis esperadas polos veciños e veciñas da vila, unha cita que "sempre tivo unha compoñente social e participativa" que a converte nun punto de "encontro, emoción e disfrute". Ferrero tamén sinala que Carballo leva xa varios anos facendo un esforzo por recuperar esta festa popular que o ano pasado rexistrou un dos índices máis elevados de participación. Por último, desexou que o tempo acompañe para que o Antroido se converta nun xeito de "vivir a rúa e transgredir as normas".

Baile da terceira idade

Tamén hai que facer mención da colaboración da Concellaría de 3ª Idade que dirixe Carmen Regueira, que patrocina o Baile de Disfraces que ten lugar o domingo 19 tralo desfile de Antroido, un baile no que se dan a coñecer os gañadores do Concurso e no que se fai entrega dos premios. Ademais, o martes 21 celébrase a Festa e Baile de Disfraces para maiores coa actuación en vivo do Dúo Época: no Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas. Outras actividades de Antroido celébranse nas parroquias de Berdillo, San Cristovo, Sofán, Razo, Cances ou Rus e contan coa colaboración da Comisión de Festas San Lourenzo, a AAVV San Lourenzo, AC e AX Arume, AUDP de Berdillo, SD San Lourenzo, Club de Veteranos San Lourenzo, AC San Cristovo, ALV Santa María de Rus e AV A Férveda, a ANPA Gándara-Sofán, a Asociación Recreativa Bergantiños, a AC Recreativa San Martiño de Razo e a AC San Campio de Cances. Para anotarse en calquera das actividades ou obter máis información, os veciños e veciñas poden poñerse en contacto no teléfono 981 704 300 ou ben contactar coa Concellaría de Cultura- Pazo da Cultura, Rúa do Pan, s/n (de 11.00 a 14.00 horas), Fax: 981 704 302.


Os interesados e interesadas en consultar o programa de Antroido 2012 ao completo, ou de descargar en pdf as bases do Concurso de disfraces, comparsas e carrozas e do Enterro da Sardiña, poden facelo en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: