Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor do 25 por cento do total da...

O ORZAMENTO DO PADROADO PARA 2012 ASCENDE A 1.125.000 EUROS

Arredor do 25 por cento do total da poboación carballesa realiza habitualmente prácticas deportivas nas instalacións municipais

Mércores 15 de febreiro do 2012

Tamén hai que ter en conta o número de usos dos espazos deportivos no ano 2011, que chega a 345.763, sendo a maioría das entradas ás piscinas, cun incremento dun 25 por cento nos accesos respecto a 2010. Outros dos indicadores empregados no balance do Padroado para 2011 refírense ao número de abonos (familiar, individual, terceira idade, etc.) e abonados (usuarios/as). Así, respecto a 2010 rexistrouse un aumento dun 12 por cento no número de abonos a 1 de xaneiro, con 2.229, dos que 237 son novos. O incremento no caso dos abonados é dun 11 por cento con 4.260 e 420 novos abonados/as. Hai que lembrar que o grande salto no número de abonos e abonados prodúxose, segundo amosan as estatísticas, no ano 2010, con incrementos dun 67 por cento nos abonos e dun 74 por cento no número de abonados coincidindo coa reforma integral da piscina Vila de Noia. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña o grado de fidelización dos usuarios/as, así como o "orgullo" pola evolución deportiva de Carballo dende que se apostou pola xestión pública no ano 2003. Así, "nun contexto de crise, o Padroado segue crecendo polos seus propios medios", e coa arela de "mellorar continuamente". Ferrero quere salientar o incremento no nivel de financiamento do organismo, que no ano 2012 chega a un 58 por cento con 601.049, 50 euros, sendo a maior cifra na historia do Padroado Deportivo Municipal e sendo por primeira vez a achega municipal inferior ao 50 por cento.

Orzamento de 2012


A xuntanza do Consello Reitor tamén serviu para aprobar o orzamento do Padroado Deportivo Municipal para 2012, que conta cun importe de 1.125.892,32 euros, cun incremento en máis de 60.000 euros dos ingresos propios para o presente exercicio e cunha baixada dun 2 por cento na achega do Concello con respecto aos datos de 2011. As contas foron aprobadas por unanimidade dos membros do Consello: dous representantes do goberno, tres da oposición e catro de diferentes entidades deportivas municipais. Respecto dos capítulos do orzamento, hai que mencionar que o de persoal permanece estable; os gastos correntes soben polo incremento no número de usuarios/as das instalacións e o capítulo de investimentos reais sube un 50 por cento respecto do executado en 2011, con 34.000 euros. Destinaranse ao pulido e barnizado da pista polideportiva do Pavillón Vila de Noia; á mellora da eficiencia enerxética nas piscinas; ou á compra dunha furgoneta, entre outras actuacións. No que respecta ao orzamento de 2011, tamén foi aprobada a liquidación, de 22.113,47 euros; así como o remanente de tesourería, de 128.148,09 euros e que supón aproximadamente o 10 por cento do importe do orzamento de 2012.


Por último, a xuntanza do Consello Reitor serviu para falar do programa de actividades previstas para 2012, baseadas, segundo o Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, na continuidade, mantendo o programa de actividades acuáticas, o programa de actividade física para adultos, o programa de Deporte na Escola, as Escolas de Verán, o torneos e campionatos deportivos dos clubs, as liñas de subvencións (especialmente coas axudas a desprazamentos), o programa de xestión das instalacións deportivas e a celebración de diferentes eventos e probas deportivas, como a carreira popular celebrada en 2011 con grande éxito de participación e de público. García Bello quixo agradecer o traballo de todos os integrantes do Padroado que contribúe ao "éxito" da xestión.

Compartir: